- Reseñas e achegas biográficas
- Díaz Castro no Seminario de Mondoñedo
- Díaz Castro, traductor
- Palabras de Díaz Castro, no seu recital de poesía en Guitiríz e outros textos
- Comentarios e achegas ó seu libro Nimbos
- O enterro
- Relación de Díaz Castro con outros escritores
- Poemas dedicados a Díaz Castro
- Díaz Castro nas artes plásticas
- Banda deseñada da vida de Díaz Castro
 

       

Un poeta agradecido ao seminario.

 Pero, un dos escritores máis senlleiro, desa pléiade eximia que pasou polo Seminario de Santa Catalina, foi Xosé María Díaz Castro (1914-1990). Sen dúbida, o que acadou máis intensidade mística, no seu único libro edito, Nimbos. Sempre recoñeceu a transcendencia destes anos na súa vida e escrita: “Alí foi onde eu me perfeccionei, aprendín a escribir, aprendín a escribir en verso” .


Meses antes de ir ao centro, foi enviado a prepararse á rectoral do Buriz, onde o párroco, foi introducíndoo no latín... O poeta sempre se sentiu ligado a esta parroquia, onde fora, aos 6 anos, ás clases de Dona Clotilde, antes de ir á escola dos Vilares, o seu berce. Froito desta afectividade, dedicoulle un dos poucos poemas con motivos locais de toda a súa producción ("Visperas"). No "resplandor do río" do Porto Muíño, emerxen aqueles camiños, que á beira del, levaban a Xosé María, ao que ía ser o primeiro contacto cun dos idiomas que mellor dominaría, o latín. O mesmo ca Eduardo Pondal, que tamén rexistrou en versos, as súas viaxes a cabalo, moito máis longas, ata a rectoral de Nemiña, na Costa da Morte, para recibir clases das linguas clásicas.


Ingresou no 1929, aos quince anos, e cursou, ata que foi cumprir co servizo militar, no 1936. Rematado este, volve a finais do 39, nos primeiros meses daquel curso, ata xaneiro do 40. Matricúlase nos tres anos de "Latín e Humanidades", no curso 29-30 (de 1º e en xuño do 30, nos exames extraordinarios, aproba o 2º), e no 30-31 fai o terceiro, levando o 1º premio do curso… Os tres correspondentes á Filosofía cursounos: do 1931 ao 34, e os dous de Teoloxía, nos cursos: 34-35 e 35-36. No 39 só principiaría o 3º de Teoloxía, o noveno da súa formación no Seminario… Despois, marcharía para Vilagarcía, onde Iglesia Alvariño dirixía o Colexio León XIII, ao que arribara para facer unha substitución ao seu amigo Crecente Vega.


Moi observador, as idas e vindas de Mondoñedo, convertíanse nun mundo de sorpresas, eran unhas 6 horas de camiño, primeiro, nun carro dende a súa casa no Vilariño, ata Guitiriz, acompañado polo seu irmán maior, despois no auto de liña. Tamén Trapero Pardo celebraba o galano destes percorridos, dende Castro, nun transporte colectivo, que lle permitiu, nalgún deles, compartir a paisaxe e paisanaxe co tamén seminarista, Crecente Vega.

O poeta dos Vilares vivía con fondura a súa dimensión relixiosa. Abonda coa educación recibida na casa, dende pequeno, pola banda de todos os seus... Mesmo na aldea se respiraba este ambiente. A Capela do Vilariño era a referencia para moitas das celebracións cristiás, onde el axudaba á misa. A estadía de Díaz Castro en Mondoñedo, durante máis de sete anos, foi decisiva na súa obra. Alí asimilou unha formación moi completa en todos os eidos da personalidade, cimentada na cultura humanística e nunha sensibilidade estética da que nunca se apearía. Non podemos esquecer o coñecemento da Biblia, mesmo da lingua hebrea, e gustaba de traballar os textos sagrados, recompoñendoos en diálogos e escenificacións, cun estilo áxil e vivo.


Tivo máis problemas cos idiomas modernos. Aproveitaba as vacacións e as saídas, para alimentar a súa querencia por estas outras literaturas. No seu diario, escrito no 1934, advertimos que estivo sempre aberto a outras lecturas. Dende moi novo, subscribiuse a Le Croix, e recibía Revue de Lectures e outras publicacións. En Betanzos, nas vacacións, na casa dos seus tíos, ía case todos os días á Biblioteca da Estación, ansioso por saber e informarse, lía os xornais, e mercaba algunha obra de creación.
Xosé María acadara o respecto e admiración de todos os membros do Seminario, por iso a súa despedida foi sentida por todos, dende o bispo ao ultimo compañeiro. Pero no seu crecemento coma persoa, aqueles anos mindonienses axudaran a perfilar e madurar a súa vocación de escritor, cunha forte compoñente de relixiosidade e mística.


Aquela vida doméstica enchía de amizade, alegría e ilusión, a estadía dos internos na comunidade de Santa Catalina. Procedente das Terras de Parga, aliouse, desde os primeiros meses, cos compañeiros chairegos. Era o número un, en moitas das actividades do seu curso, pero tamén no sentido do humor e da retranca, para facer máis saboroso aquel tempo. Pasaba moitas horas na cela, lendo e estudiando.