- Reseñas e achegas biográficas
- Díaz Castro no Seminario de Mondoñedo
- Díaz Castro, traductor
- Palabras de Díaz Castro, no seu recital de poesía en Guitiríz e outros textos
- Comentarios e achegas ó seu libro Nimbos
- O enterro
- Relación de Díaz Castro con outros escritores
- Poemas dedicados a Díaz Castro
- Díaz Castro nas artes plásticas
- Banda deseñada da vida de Díaz Castro
 

       

Un ávido lector.

O rendemento académico foi o máximo posíbel, acadando ata o período de teoloxía o sobresaínte en todos os cursos, que daquela cualificaban coma “meritissimus”. Os condiscípulos remarcaron o seu afán estudioso, pero tamén, que lle quedaba tempo libre para a poesía. Era un ávido lector, e moi novo lía autores de fóra, comezando polos franceses: Lamartine, Víctor Hugo, Valery, etc.


Endexamais deixou de pisar Terra. A Natureza foi o libro aberto que sempre o acompañou,. Vivía con fachenda a súa orixe rural, e rexeitaba o desleixamento doutros, que renegaban do seu pasado labrego, por iso os versos severos de "Paròlas a un estudiante" en Follas Verdes:

"Cerra ese libro estudiante;/ porque as doutrinas máis sábias/ n-están nos libros escritos:/ na Natureza se gardan.
Cèrra, estudiante, ese libro;/ colle o sacho, pilla a zada;/ rompe a tèrra co arado;/ corta, inxerta, sèga, cava…
Na tèrra dura e fecunda/ están as mellores páxinas./ A tèrra è sabia e maestra. / ¡a terra è cousa sagrada!.
Y os libros son teorías,/ vaguedaies e palabras./ Cerrados, ròinos o vèrme;/ abèrtos, n-insinan nada.
Cerra ese libro, estudiante, / e pilla o sacho i-a zada…".


A amizade era un dos valores que máis apreciaba, coma teñen comentado, os compañeiros, nesta revista, Amencer, engaiolados coas pingas de humor, coas que Díaz Castro alegraba a convivencia no medio das anchas paredes do Seminario. En Follas Verdes, transmite esa sensación dos seus veciños de que "os estudiantes son pillos", no diálogo co seu tío Alfonso ("No camiño"). O seu irmán Serafín, nunhas palabras pronunciadas na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Lugo, na presentación do libro Homenaxe a X.M. Díaz Castro, o 25 de febreiro de 1988, subliñaba estes trazos: “Na súa mocidade era moi alegre, e sempre tivo un forte sentido do humor. Falaba moito coa xente, sobre todo cos nenos, e gastaba moitos chistes con todos. Endexamais o vin de mal humor…”.


Así, o tamén chairego, Xosé Díaz Campos, de Belesar, despois coengo da Catedral de Mondoñedo, subscribía todo isto: “de amena e erudita conversación, de mirada un tanto socarrona e cun gran sentido do humor. Aínda que era bo observante da disciplina, gustáballe tomar parte nas pequenas trastadas que animaban a nosa monótona vida estudiantil… Lembro unha anécdota del no Seminario. Un día preséntase na formación, antes da clase, coa cara a medio afeitar e dime polo baixo, cando cheguei xunta del: “o toque de campá é a voz de Deus e hai que obedecerlle inmediatamente: se estás e medio afeitar, deixas a outra metade por afeitar. Aquí te-lo exemplo”. E ensinoume a metade da cara perfectamente afeitada e a outra metade sen afeitar” .


Algúns dos amigos, eran seminaristas de parroquias lindantes (Xesús Castro Prieto do Buriz), outros acadaron a súa amizade pola sensibilidade común coa creación literaria, coma foi Rafael Díaz Blanco, de Pino da Terra Chá, o seu mellor amigo, que escribía contos, algúns publicados postumamente por Xermolos, animado por Díaz Castro e polo compañeiro, Javier Armada. Ámbolos dous, amigos desde o Seminario, ata os derradeiros días de Xosé María en Madrid, afeccionados aos idiomas e casados con dúas amigas de Villarreal de Urretxu, en Euskadi.


Cando morreu Rafael, o autor de Nimbos, estaba en débeda con el, pois quería publicarlle os contos, e pedira o consello de Ben-Cho-Shey, quén lle escribíu: "coa mostra abonda pra se convencer de que o autor diste conto é un escritor con pulo pra obras de máis envergadura, anque, ¡quén me dera a min ter un feixe de contos tan bos como éste, pra xuntalos nun libro!" (o 5 do Sant Iago do 1973).
Xosé ten afirmado que na súa poesía hai amizade e “los recuerdos de los amigos, porque estos fueron importantísimos en la historia de mi vida” . No seu libro “perdido”, Follas Verdes, escrito nos tempos do Seminario, rexistra o poema “A nosa clás”, que é unha mostra do enredo co que celebraban cada xornada, con aquel compañeirismo que os caracterizaba, nestes anos de primeira mocidade:


                                       “A nósa clás é a primeira:
                                     é un consello de dèz sabios,
                                     con fina espada na lingua
                                     i-eterna risa nos labios.

                                     Aquí tedes a Albariño
                                     i-a Castro Prieto sentados:
                                     están comentando todo
                                     canto hai dos céios para baixo.

                                     Cerca de Díaz Pichín
                                     veredes a Díaz Castro:
                                     este ousèrva e cala a boca,
                                     e Pichín está calado.

                                     Fernández Xusto e máis Murías
                                     equí están parrafando:
                                     discuten, dán-se bilizcos,
                                     e fan resonar o banco.
                                     Elí detrás parexan
                                     Ónega e García Mato:
                                     Mato rise, rise e rise,
                                     i-Ónega dibuxa un sapo.

                                     Axúntanse Joseíño
                                     e Rodríguez Lorigados:
                                     Joseiño empeza un conto,
                                     e Lorigados acábao.

                                     A nosa clás é a primeira,
                                     i-está feita de dez sabios.
                                     Albariño empeza a roda
                                     e da-lle fin Lorigados.

                                     A nósa clás é a primeira,
                                     e ninguén lle toca o sacho.
                                     ¡Viva a nosa clás, rapaces!
                                     ¡Decide viva, ou vos mato!!”.

 

Xesús Castro Prieto ten dito en Amencer:  “distinguíase pola súa afabilidade e finura. Atento a tódalas preguntas e intervencións dos demais, detíase un pouco a pensar para da-la resposta oportuna, coa tranquilidade que nel era habitual…” .


O poeta tennos confirmado que aínda que non entraba nos seus plans ser crego, aqueles anos en Mondoñedo, servíronlle para gañar en autocontrol e introspección, que el sempre agradeceu, naqueles exercicios diarios de meditación, exame, na igrexa, antes de xantar e despois de cear, etc.


Xosé María era un mozo moi activo e con grandes inquedanzas creativas e intelectuais. Foi líder e secretario da "Academia Misioneira San Francisco Xabier", na que tamén coincidiu con Iglesia Alvariño coma presidente, no derradeiro ano da estadía deste no centro. Os membros da directiva daban charlas e montaban obras de teatro, por exemplo, no Nadal, pois, daquela non ían de vacacións, así Xosé María cativou aos seus compañeiros, cando falou sobre "Xabier nas Indias" (22-III-1932), no acto de clausura dun "Curso de Misionoloxía", no que tamén impartiron conferencias, o seu amigo Xabier Armada e, o daquela bibliotecario desta directiva, Xusto Trashorras Pacio (1915-1984), Rector do Seminario, nos anos 50. Os tres, xa exercendo as súas profesións, ían cadrar máis tarde en Madrid, compartindo veladas de amizade e nostalxia nesta capital, lembrando estas e outras actividades.