- Reseñas e achegas biográficas
- Díaz Castro no Seminario de Mondoñedo
- Díaz Castro, traductor
- Palabras de Díaz Castro, no seu recital de poesía en Guitiríz e outros textos
- Comentarios e achegas ó seu libro Nimbos
- O enterro
- Relación de Díaz Castro con outros escritores
- Poemas dedicados a Díaz Castro
- Díaz Castro nas artes plásticas
- Banda deseñada da vida de Díaz Castro
 

       

RAMÓN PIÑEIRO, parteiro da poesía de Díaz Castro.

Non foi doado arrincar a Díaz Castro a decisión de recoller nun libro, parte da súa obra. Resistiuse durante moito tempo. Quén máis o animou a compartir a súa creación, foi Ramón Piñeiro, dedicado a sacar adiante a Editorial Galaxia, a comezos dos 50. Este activista cultural estaba engaiolado polo estilo literario do poeta das Terras de Parga. Por unha banda, difundiuno, entre o gran público, a través da edición de Nimbos, e por outra, contaxiou da súa querencia a poetas máis novos, dende Novoneyra ou Franco Grande, ata Claudio Rodríguez Fer, Luís González Tosar, e outras/os. Coñecéronse fisicamente no 1959, pero xa facía anos que mantiñan correspondencia.

Fernández del Riego, compañeiro de angueiras, do autor homenaxeado neste ano, na Festa das Nosas Letras, quedara cativado pola lírica de Díaz Castro, que disfrutara en revistas, coma Alba, e solicitoulle para a súa Escolma, poemas que el foi sacando da súa despensa emocional, en papeis xa apagados polo paso do tempo... Prometeulle preparar un poemario para Galaxia. Pero sería Ramón Piñeiro o encargado de aguilloa-lo poeta, mesmo remitíndolle as novidades que ían publicando: Samos de Cabanillas, o Hamlet  de Cunqueiro..., para que desde Madrid, puidese saborea-lo "rexurdimento", que estaban a vivir as nosas letras. Piñeiro era o director literario, entregado á recuperación de Galicia dende o celme cultural.

Tendo en conta que Díaz Castro, se illou no seu traballo de traductor, na capital, a teima de Piñeiro é de encomiar. Coa súa paciencia e amor a Galiza, foi provocando o compromiso do poeta. Piñeiro márcalle prazos para o libro. Querían editalo despois dos de Pimentel, Guerra da Cal, Manuel Antonio. Na década dos 50, foi Novoneyra, o que lle trouxo máis información a Piñeiro do de Parga, xa que o poeta do Courel mantiña unha certa relación con el, mentres estivo na meseta. Nunha carta de Piñeiro a Fernández del Riego (9-XII-1956), reflícte esta circunstancia: “A carta que recibiche de Díaz Castro é ben interesante. Penso que non hai inconveniente en que tarde en nos mandar o libro, pois entremedias metemos o de Pimentel. Dese xeito incorporamos tres poetas valiosos. Xa coñecía o xuicio de Díaz Castro sobre Os eidos por unha carta que lle escribiu a Novoneyra, que lle enviou o libro por mandado meu” (Fernández del Riego, Un Epistolario de Ramón Piñeiro, Vigo 2000). Novoneyra estivera dúas tempadas en Madrid nestes anos, 1949-1951, e a comezos dos 60…

Piñeiro, non facía máis que tender pontes e lanzar cabos, para que a creatividade do poeta non se extinguise no illamento, e advirte a Fernández del Riego: “¿Por qué non lle pos unhas letras a Díaz Castro, dicíndolle que se vén no verán a Galicia, gostaríanos ter unha conversa con el?. Cómpre non o deixar de man” (18-VII-1957), en Un Epistolario de Ramón Piñeiro.

No verán de 1959, a prestixiosa revista Insula (nº 152) de Madrid, dedica un número dobre a nosa realidade literaria e artística, no que aparece todo o "universo" das nosas letras. Os poetas cun poema representativo: R. Cabanillas, Bouza Brey, X.M. Álvarez Blázquez, Cunqueiro, Celso Emilio, ata os máis novos: Manuel María, Novoneyra. Luz Pozo, etc. E non podía faltar a colaboración de Díaz Castro, que remite o seu "Monumento á ausencia". Ramón Piñeiro, encargado de coordinar o material para a publicación, fai unha viaxe, en xuño, a Madrid, para entregarllo a José L. Cano, e contemplou por primeira vez cos seus ollos torturados polos anos de cárcere, ao poeta: “estiven unha mañá con Díaz Castro, que por certo, é moi intelixente e moi cordial, escribía, o 13 de xuño. Axiña nos fixemos moi amigos”. Esta emoción compartiuna con Franco Grande, un dos primeiros en sentir a grandeza da poesía diazcastriana, como transmite no libro de memorias: Os anos escuros (p.176).

Noutra viaxe de Piñeiro a Madrid, meses antes de publicar Nimbos, o seu autor recibiuno no traballo do Instituto de Cultura Hispánica, xunto aos irmáns González Suárez-Llanos, de Sarria, estudiantes alí. Un deles, Luís, verteu ao galego a Heidegger, do que Piñeiro sería o gran traductor. O outro, Camilo, publicaría o primeiro libro de relatos curtos, o ano de Nimbos, en Galaxia, Lonxe de nós e dentro. Coñecido como Camilo Gonsar, estaba a recibir nestes anos, coma outros mozos e mozas, a forza galeguista de Piñeiro, que o animaba a editar.

Foi Piñeiro, un dos persoeiros, que máis influíu na vida literaria de Díaz Castro, coma comunicador, e aguillón, para que seguise escribindo, e tamén publicando. Foi o seu enlace con Galaxia e outros escritores, así Otero Pedraio, que lle mandou o resultado da lectura de Nimbos, e este fíxolla chegar ao poeta, o mesmo que Ramón Lugrís e outros... Mándalle a Madrid, todo o que aparece referido a el, e as novas da vida cultural. Abofé que non podía atopar nestas décadas, un observatorio máis certeiro da nosa realidade.

Froito deste seguimento e correspondencia, era Piñeiro o que mellor atinaba na tensión vital e creativa de Díaz Castro, coma recollemos nunha carta súa, que como nun contraste, revélanos o estado de ánimo do poeta, totalmente mergullado nos compromisos familiares e profesionais. E cada volta máis lonxe da creación literaria. O ensaísta achega un trazo da súa concepción da lírica, coma un remanente do mundo interior do poeta, asfixiado no caso de Díaz Castro, polo seu traballo inxente. Temos que salientar, aquí, que o filósofo da saudade que estamos a celebrar no 2009, cadraba co noso poeta, na súa ollada á poesía.

Tiñan un mesmo sentir estético.

Por iso, recollemos esta glosa, porque axuda a adentrarnos na súa concepción da vida e da cultura: "A súa carta prodúxome fonda ledicia, pois vexo que sigue animado a participar no grande i entusiasta esforzo coleitivo que compre facer pra chegáremos a desplegar a persoalidade cultural de Galicia en toda a súa plenitude. A sua voz, mesmo por ser das máis puras e fondas, non debía, non podía estar ausente. Confórtanos moito o ter a seguranza de que non-o estará.

Ben sei que é home de moitas angueiras. Por outra banda, a vida niste tempo noso é esixente en obrigas urxentes e deixa pouco acougo pra escoitar a voz do noso mundo interior. Con todo, meu amigo, non nos podemos deixar engulir pola enxurrada do cotián. Temos que ser algo máis que náufragos. Aló no máis íntimo do noso ser latexa sempre algo que, en lei dereita, perténcelle á comunidade espritoal da que, por nacemento, formamos parte. En cada un de nós está acochada unha migalla de esprito total de Galicia; a cada un de nós foille confiada unha moeda singular e única do gran tesouro colectivo do noso pobo. Non podemos, sin séremos desleales con il, deixar apodrecer dentro de nós esa parte de patrimoño común que temos en depósito.

No seu caso persoal a responsabilidade é meirande, porque ten moito que lle dar a Galicia. Dono dun esprito ricaz, sotil e fecundo como hai poucos. Galicia ten direito a agardar de vostede os froitos perennemente valiosos da creación espritoal. Estamos certos de que llos ofrecerá e moi ledos de podéremos servir de vehículo.

Saiba que conta na Terra con moi devotos amigos que, sin conocéreno persoalmente, estímano de todo corazón polo que representa prá nosa cultura. De agora en diante non poderá -nin queira alem que o intente- recluirse no isolamento individual. Unha rede cordial o percurará ondequeira que esteña pra lle falar da Terra e da gran empresa común que todos deberemos levar a cabo pra diñificala como lle corresponde" (Compostela, 26-V-1959).

Esta comuñón e comunicación entre o filósofo e o poeta, non facía máis que intensificarse, porque para Ramón Piñeiro era o máximo. Segundo Rodríguez Fer: "chegou escribir sobre Xosé Díaz Castro -no ano 1972- que era sen dúbida o mellor poeta galego entre os que hoxe viven" ("A concepción da lírica na obra de Ramón Piñeiro", Coordenadas, p.38).

Nimbos 1961.

A revista Alba, primeiro, e a Escolma (1955) de Fernández del Riego, despois, crearon unha grande expectativa sobre a poesía de Díaz Castro nos medios, pero foi, sobre todo, o circulo de Galaxia o que máis ía a premer ao poeta, en Madrid, para que dese máis poemas á luz.

Ramón Lugrís, colaborador nos medios, e apegado á liña de Piñeiro, expresou nesta data, cal era o coñecemento que había do poeta chairego, entre os ben informados do estado das nosas letras: “Díaz Castro era para min como o seu poema “Monumento á ausencia”: un intre petrificado na lembranza; un sentimento tépedo engaiolado no breve contaito ca sua poesía nas páxinas da Escolma de Poesía Galega de Galaxia” (La Noche, 6-XI-61).

O poeta ten confesado que foi unha suxerencia do prof. Carballo Calero aos directores da editorial, a que provocou a publicación de Nimbos. A correspondencia con Ramón Piñeiro deixou un rastro meridiano sobre as presións deste ao de Parga, para que dese novas ofrendas poéticas ao prelo. Sempre recoñeceu o papel de ámbolos dous e de Fernández del Riego como padriños no seu bautizo editorial. A acollida que tivo a súa poesía, creou no autor un sentido de responsabilidade, que estaba a retraelo, na decisión de dar a coñecer nova creación.

Recibe moitas felicitacións por Nimbos, algunhas a través do seu correo naqueles anos, Ramón Piñeiro: "Nimbos é un libro que eu agardaba con ilusión, porque lembraba os poucos poemas de Castro que hai na Escolma, e que xa temos comentado ti e mais eu. Qué ben escribe! E cómo quence o esprito! É un poeta cheo de amor po-las cousas; cheo dun amor humán. O Novoneyra deixaba falar ás cousas "de seu", sin lles tocar. O Castro dalles contido humán sin as adulterar" (Ramón Lugris en carta a Ramón Piñeiro, en Londres 2-X-1961).

No 1973, foi proposto para a Academia, a iniciativa de Carballo Calero, apoiado por García Sabell e Piñeiro, e nomeado correspondente.

Encontros no retorno a Guitiriz

No treito final de ámbolos dous, atopáronse, en Compostela, sentándose varias veces arredor da mesa camilla de Xelmírez 15-4º. Pero foi en Guitiriz, na tarde do 21 de maio de 1986, cando os dous amigos fixeron un percorrido polas ultimas décadas da poesía... O poeta renovou a súa predilección pola filosofía estética de Piñeiro e a súa concepción da lírica. Foron hóspedes da casa do mestre de Guitiriz, Antón Santamarina, e estiveron acompañados polo filántropo, o Dr Enrique Santamarina, profesor da Universidade de Rutgers en EEUU, que Piñeiro visitara e tratara nas súas estadías neste país. Aquela xornada literaria rematou cunha velada, aberta a tódolos veciños, pois Ramón Piñeiro viñera a Guitiriz para falar do seu amigo, o ensaísta Celestino Fernández de la Vega, nun acto organizado por Xermolos.

Díaz Castro viaxou a Compostela, e estivo con Piñeiro, na presentación do poemario de Luís González Tosar,  A caneiro cheo, paseando polas rúas con Alfredo Conde e outros persoeiros.

En Compostela (25-II-1988), na Aula de Cultura, Carballo Calero falou sobre a poesía de Díaz Castro, coma prologuista de Homenaxe a X.M. Díaz Castro, editado por Xermolos. Ramón Piñeiro, daquela Presidente do Consello da Cultura galega, asistiu ao acto, coa súa dona Isabel, pois colaboraba na obra. Xa escribira de Carballo Calero: "o máis autorizado crítico literario..., son os traballos máis serios e rigorosos que se teñen feito sobre a nosa literatura", en carta a Díaz Castro (29-X-1961).

O derradeiro encontro dos dous escritores, xa enfermos, foi o 21 de abril de 1990, en Guitiriz, na homenaxe organizada por Xermolos, ao seu poeta. Finarían, meses despois, Ramón Piñeiro, o 28 de agosto, e Díaz Castro, o 2 de outubro. O 25 de marzo fora o pasamento de Carballo Calero.

Textos de Ramón Piñeiro sobre Díaz Castro

Antoxamonos en recoller esta longa cita de Ramón Piñeiro, polo tempo no que se produce, e por ser un dos primeiros xuízos completos sobre a poesía de Díaz Castro, que demostra que a súa indentificación e ata paixón por el, viña de lonxe. No extraordinario de Insula (1959), o ensaísta escribira: "Díaz Castro es un poeta poco conocido, seguramente porque no ha publicado libro alguno. Pero su acusada personalidad nos fuerza a incluirlo aquí como un poeta renovador. Desde Amado Carballo creo que nadie supo expresar mejor el paisaje gallego, por lo menos con tanta densidad. Y quizá más que el paisaje, la tierra misma de Galicia que él humaniza en sus densos poemas y convierte en pequeños mitos en los que se percibe el regusto de un amor telúrico, sereno y profundo. Poesía apasionada, panerótica, que se detiene con sereno placer en el objeto de su inspiración. La técnica no revela complicación, es fácil, abierta a la carga que el poema lleva dentro. La lirica de Díaz Castro nos revela una gran madurez y, como tantos otros grandes poetas gallegos, sabe armonizar las más genuinas sustancias gallegas con lo más moderno de la época. Esta poesía de Díaz Castro es profundamente gallega por el espiritu que la informa y totalmente universal por la altura y la verdad que encierra".

Emoción contida e agradecida foi a reacción de Díaz Castro aos comentarios laudatorios que tódolos escritores lle estaban dedicando en cartas privadas, e a traveso dos medios de comunicación. E compartiu co amigo Piñeiro esta sorpresa:  "comprendo, respondelle o coordinador de Galaxia, que, por razón da tua sinceridade intima, sintas unha certa confusión ó comprobares que a xente ve na túa poesía de "Nimbos", o que tí arelas acadar na túa poesía futura. Esa liña de radical sinceridade que a xente percibiu no teu primeiro libro seguirá resprandecendo no resto da tua poesía" (Compostela, 20-X-1961).

Unha densa capa de silencio envolveu ao poeta, despois da publicación de Nimbos. O seu amigo Ramón Piñeiro, que non se cansaba de animalo para que mantivese a comunicación creativa, escribialle; "Estás moi calado. Estás moi arredado. Semella asombroso que non teñas máis obra galega que a xa publicada. ¿Qué ocurre para que sexa posible tanto mutismo?" (Compostela, 3-X-1974).

Cando morreu Celso Emilio Ferreiro, Díaz Castro sentiu un mazazo na súa sensibilidade e escribiu a Piñeiro para poñerse a súa disposición sí había algún tipo de homenaxe, e o "filósofo da saudade" contestoulle: "certamente que levei sorpresa ao recibir a tua carta, non por que te supuxera morto para os amigos, para a poesía e para Galicia, como ti dis, senón por estar adoitado ao teu silencio. Realmente eu teño preguntado moitas veces por ti e sempre fun sabendo que estabas vivo, pero respetei o teu silencio" (Santiago, 16-IX-1979).

"A nosa poesía sofreu recentemente tres baixas importantes: Cabanillas, Pimentel e Aquilino. Está agora nun intre de necesaria renovación. A aparición de libros como "Nimbos" enche o noso espirito de leda e íntima confianza. Danos a plena certeza de contáremos con unha voz poética fonda, orixinal, plena de intimidade humán e, sobre todo, esencialmente verdadeira. A nosa fe de devotos da poesía galega revoa darredor de ti. Sabemos que podes e queres arrequecer sustancialmente o tesouro espritoal do noso patrimonio lírico. Os poetas novos están entusiasmados con "Nimbos" (nunha carta de Ramon Piñeiro en Compostela, 8-X-61).

No libro Homenaxe, publicado por Xermolos, Ramón Piñeiro escribiu: “Mesmo persoalmente era cáseque un descoñecido fora do ámbito dos familiares, veciños e amigos… E, con todo e con eso, as tres ou catro ducias de poemas incluídos no libro ou esparexidos nas revistas mantiveron sempre viva e aureolada de prestixio a presencia do poeta. Descoñecíase a persoa, pero admirabase ó poeta.. Ora, tendo estado persoalmente alonxado do noso mundo literario, e poéticamente centrado noutros horizontes, non deixa de ser un tanto sorprendente que as tres ou catro ducias de poemas galegos del coñecidos arraigaran entre nós con forza dabondo para manter ó longo do tempo a invariable e prestixiosa presencia do poeta Díaz Castro na agra aberta da nosa poesía. A explicación non pode ser outra que a profunda autenticidade galega dos poemas mesmos” (p.82).

Alfonso Blanco Torrado