- Reseñas e achegas biográficas
- Díaz Castro no Seminario de Mondoñedo
- Díaz Castro, traductor
- Palabras de Díaz Castro, no seu recital de poesía en Guitiríz e outros textos
- Comentarios e achegas ó seu libro Nimbos
- O enterro
- Relación de Díaz Castro con outros escritores
- Poemas dedicados a Díaz Castro
- Díaz Castro nas artes plásticas
- Banda deseñada da vida de Díaz Castro
 

       

Os Cadernos perdidos.

Sempre falou duns "cadernos de poesía", nos que ía recollendo os poemas dos seus tempos de Mondoñedo, e tamén despois en Vilagarcía. E engadía que estaban "perdidos". "Algúns vellos cadernos de poesía, que non me importa telos perdido porque non os considero de valor, inda que serían referencias da evolución da miña poesía. De feito eu escribín moito, pero -como Vde. sabe- publiquei pouco" . Anos despois insistiría no mesmo: “Perdéronse porque mos pediron amigos, -dicía nunha entrevista a Xulio Xiz- compañeiros de estudios e despois xa se sabe, libro que se presta, libro que se perde” .


E nada mellor que recorrer á opinión dos seus mellores amigos e condiscípulos, para certificar a existencia desta obra: "soupen cousas tuas que estaban acochadas, ou quizaves esquencidas polo paso dos anos, cando a "beleza te feriu pra sempre", ó albiscar os vagullos do mar sendo pequerrecho; dos tres cuadernos de poesía que andan perdidos entre os amigos, eu tiven nas miñas maos Follas Verdes ata o mes de xaneiro do ano trinta e sete... Os outros dous cuadernos nin os vin nin sabía que viñeran ó mundo" (Rafael Díaz, en carta a Díaz Castro, o 14 do X de 1968, a raíz dunha intervención deste nun programa de radio no que falou da súa poesía inédita).


Outro compañeiro lembraba: “estando no Seminario compuxo dous cadernos de poesías: Follas verdes  e Follas ó vento que eu coñecín e lin, e poido afirmar que moitos dos poemas que tiñan eran preciosos e moi galegos…” . A súa timidez de carácter e o seu afán perfeccionista…, son algunhas das razóns que podemos aducir para gardar materialmente estes libros, aínda que sempre activos e vivos no seu arquivo nostálxico. Penso que a palabra “perder”, dentro da súa escrita, ten outra explicación metafórica, a tenor dos seus versos, que explica con máis luz esta decisión do seu oficio coma escritor. Xa no primeiro poema de Nimbos , “Coma ventos fuxidos”, que el considera o “pórtico”, que nos introduce na súa intimidade creativa, proclama o que é a súa filosofía poética:


   “Estes non son poemas, nin cimentos
    de poemas siquera. Son fragmentos
    de min mesmo perdidos,
    coma ventos fuxidos,
    por antigos camiños esquencidos:
    Díaz Castro perdido no traxeito
    dun recordo moi longo, recolleito
    por un anxo e salvado
    nalgún intre de amor desesperado! .

Son libros “perdidos”, pero á vez “salvados” pola memoria e fixados para sempre, sen ter que padece-las fases das continuas rectificacións ou correccións para responder a esta ou aquela circunstancia. Díaz Castro quere que os seus poemas sexan unha expresión da súa vida tal como se vai gastando na nostalxia e na memoria da infancia “perdida” para sempre. En “Monumento á ausencia”, el mesmo confesa: “perdinme antros trigos ben perdido,/… / no carreiro longuisimo dos adeuses”. É a despedida cargada de agarimo dos seres, as cousas, os poemas da súa infancia labrega…, entre os adeuses e para sempre, pero todas estas lembranzas van e seguen co poeta, do mesmo xeito que aqueles poemarios aos que acudía a miúdo, para resgatar da memoria algún poema na busca da luz e da aurora.


Noutro poema do seu inédito, en castelán, Sombras Radiantes, que el traduciu nos oitenta con vistas a entregalo, para aquelas encargas que lle estaban a facer, volve a templar o espírito, gracias á recuperación da "perdida infancia":


  "A resposta"
  "Presentíase a herba segada, e as colmeas
  perfumaban de mel a vecindá.
  Subín na noite entre- as cousas boas
  chamándote na miña nova escuridá.

  E de súpeto morréu toda distancia
  e sentinte, ó meu lado, respirar.
  Lembréi entón a miña perdida infancia
  e -non sei como- boteime a chorar".

Mesmo no seu sentido da poética comprendese esta acepción do cualificativo “perdido”: “eu escribín poesía coma quén xoga, sin darlle trascendencia ningunha ós meus escritos. Eran como voces perdidas no aire” .


Non é so unha circunstancia da súa vida, é un sinal do seu esquema mental e ata filosófico. A memoria que recupera os textos perdidos, a volta á infancia coma unha fervenza de vida, son trazos e mananciais de luz, fronte á escuridade. A antítese que marca o seu proceso creativo.

Cando ía de vacacións de verán, impermeabilizábase algún tempo no seu mundo creativo, e recolliase na fraga da Chousa da Fonte, deixándose levar polas musas. Alí deitado, tirado na herba, compoñendo versos e versos..., que nos fan lembrar a versión de "Terra sucada", publicada en Alba (1950), e diferente á que podemos ler en Nimbos:


   "Terra sucada, poema
   de cen versos, na outonía!
   Orballa na cal, no estreito
   camiño de tantas vidas.

   Ferve o grau, pulo enterrado
   de criatura dormida.
   Corpo tirado na fraga,
   terra arada, nai perdida! .


 
A "terra sucada", que reflicte os labores do poeta labrego, traballando os versos co agarimo do que prepara a terra a ceo aberto, soñando nunha copiosa colleita… Neste poema cunha referencia á outonía, a facer o outono... Unha estación que inspirou moitos versos a todos os poetas da Chaira.


Hai que salientar a presencia en toda a producción de Díaz Castro de pensamentos e celebracións referidas ao carácter da súa creación, e case sempre utilizando o símil dos labores do agro, nos que medrou a súa infancia. Desde Follas Verdes, clava o sacho da súa cultura agraria na preparación e coidado dos seus versos… A este escritor tamén lle acae a nostalxia, a melancolía máis propia do outono, "nai perdida", de todo o que mamou no seu mundo rural.

No tempo do Seminario, aínda non estamos á altura do Díaz Castro con voz propia, coa identidade poética, que o vai levar a ser aquel poeta autentico, do que imos disfrutar despois, nas súas publicacións en Alba ou na Escolma de Fernández del Riego. O costumismo e popularismo desta primeira etapa da súa poesía, está xa a enxergar o franciscanismo, propio dos poetas chairegos que pasaron polo Seminario, e dalgúns outros.


Follas verdes e Follas ao aire son coma faíscas de vida e creación, que anuncian os grandes interrogantes, a luzada plena de Nimbos (1961), a palabra liberada do descriptivismo. Xa percibimos palabras e sensacións que van chegar ao seu clímax neste libro.