- Reseñas e achegas biográficas
- Díaz Castro no Seminario de Mondoñedo
- Díaz Castro, traductor
- Palabras de Díaz Castro, no seu recital de poesía en Guitiríz e outros textos
- Comentarios e achegas ó seu libro Nimbos
- O enterro
- Relación de Díaz Castro con outros escritores
- Poemas dedicados a Díaz Castro
- Díaz Castro nas artes plásticas
- Banda deseñada da vida de Díaz Castro
 

       

O seu encontro con Aquilino Iglesia Alvariño.

Díaz Castro deixou glosado na súa escrita, o que foi o primeiro encontro con Iglesia Alvariño, e a influencia na súa dedicación á poesía: “había algo naquel mozo que a min, inda rapaciño, nos comezos da adolescencia, me atraguía: a súa voz, o seu xeito de andar, a súa innata elegancia e aquela poesía campestre e recente do seu libro Señardá, entón recén publicado, que a min me revelou un mundo poético novo e me abría a porta ó campo da poesía expresada en galego.


Impresionáranme aqueles sonetos inxenuos, anegados nunha melancolía que me parecía excesiva, cáseque irracional. Pero na linguaxe daquela poesía, claramente influída por Noriega e a leitura de poetas portugueses, eu atopei emoción, fonda beleza e lóstregos de inspiración.


Lémbrome agora do que eu considero como o primeiro encontro con él. Nunha porta do claustro acercouse a mín e escomenzou a preguntarme cousas. ¿Cantos irmaos sodes na túa familia?. –Catro. -Igoal que na miña. E entre vos, ¿hai dous nacidos dun vientre?. –Non. –Pois entre nós, si. Teño entendido que che gosta escreber poesía. ¿Por qué? -Non o sei. Góstame desque empecei a ler e escreber algo na escola. Así con diálogos fugaces foise fiando o fío das nosas relacións, primeiro literarias e de franca simpatía e amistade despois” . O de Abadín susurroulle ao oído a existencia dun recanto máxico de creatividade, nunha barbería próxima, a de Manuel Ledo, “O Pallarego”. Un home moi culto e gran músico, que tiña acceso ao Seminario, e mesmo estaba a servir, naquel momento, de carteiro ou enlace entre Alvariño, como lle chamaban os seus amigos, Trapero Pardo, Cunqueiro, e outros.


Outro membro deste círculo literario, Díaz Jácome, definiu a Ledo, nunha homenaxe que lle dedicou a cidade de Mondoñedo ao Pallarego, o 14 de agosto do 84, coma: “un home que, dentro da súa pequena figura física, escondía un corazón grande, cheo de bondade, que latexaba forte por Galicia…, que soupo facer cultura a rentes do seu oficio artesanal”. 


A amizade con Iglesia Alvariño non fixo máis que medrar, ata que este abandonou o Seminario, no 1931, rematado 3º de Teoloxía, e despois tamén, exercendo unha certa influencia sobre aquel mozo, que entre os compañeiros, xa gañara o alcume do "poeta" (o mesmo co que sería coñecido no derradeiro treito da vida polos veciños da vila de Guitiriz).