Xermolos

Na soidá da Terra Chá
xermola unha xuventude
que se abre cara ó mañá
con ansias de plenitude.

Guitiriz, Rábade, Meira,
Vilalba, Outeiro, Abadín:
!que paixón tan verdadeira
e que horizonte sen fin!

Guitiriz, lago de estrelas,
fonte sagrada e lustral,
xérmolo de luz e arelas
que rozan o intemporal.

!Xérmolos de amor e vida
a frolecer poderosos
nunha colleita cumprida
de soños bós e fermosos!
Galiza, vella semente,
está, de novo, a xermolar:
¡dende a esperanza da xente
deica as larganzas do mar!

Manuel María