Imprimir

Van para alá sobre cinco anos, que en Terreboredo, no acolledor fogar de David e Concha, en estradenses terras, coñecín, persoalmente a Mini e Mero, e tiven a ledicia de oílos cantar. Sempre considerei a A Quenlla un extraordinario grupo musical, honra da nosa Terra e na vangarda dos mellores. E dende ese día Mini e Mero son dous verdadeiros amigos.

Vaiamos ó libro. “Na lonxitude do tempo” é premio da poesía Antonio Prados Ledesma do Concello de Viveiro, onde foi mestre o poeta. O devandito premio, que no 2002 ía pola III edición, gañouno Mero. Está editado por Espiral Maior, na súa imprescindible colección “Poesía”, que dirixe o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, da que fai o número 149.

mero_abellaLemos na lapela do libro: “Mero Iglesias (Vilalba, 1951), músico, compositor, intérprete, poeta e titulado en Maxisterio, exerce na actualidade a docencia no CPI de Xanceda (Mesía). Antigo membro do grupo musical Fuxan os Ventos e hoxe membro do grupo A Quenlla, ten participado en máis de vinte obras discográficas, algunhas delas auténticas referencias históricas, e é autor de numerosos traballos de carácter pedagóxico e de textos para o ensino, todos eles publicados pola Editorial EDB.

No ano 1995 publica, en colaboración con X. L. Rivas, a obra Contos de vellos para nenos e no ano 1996 ve a luz o libro de lendas tradicionais titulado Somos lenda viva.

Na lonxitude do tempo, primeiro libro de poemas do autor que ve a luz foi galardonado co premio de poesía Prados Ledesma (2002) do Concello de Viveiro.

Ábrese o libro cun prólogo, fermoso e certeiro, de David Otero, tamén poeta e autor dunha extensa e importante obra nos eidos da narrativa, xornalismo, biografía, etc.

O título do libro é o primeiro verso dunha cantiga, a importancia da cal vén subliñada polo feito de estar escrita toda ela en maiúsculas e ser o 1º poema. Di así:

NA LONXITUDE DO TEMPO,
VAN OS OUTONOS:
NA LONXANÍA DO ESPACIO,
TAN SÓ RECORDOS.

Á cantiga, séguenlle 15 poemas máis. O libro é breve, logrado. Moi orixinal. O outono, o tempo, os froitos, o amor, están firme e belamente chantados no corazón do poeta, son esenciais, son seus. Hai poemas que descobren en Mero características pictóricas, e, por suposto en todos eles, musicais. Vou, brevemente, comentar algúns; outros, recitalos.

“Que outonos non son outonos”, páxina 17, remata cun verso que non son quen de non o escribir:

“Para combater os medos”.

“Outonías”, páxina 19, ten tamén un remate logrado:

“Outonos miden os tempos
e espacios en outonías.
Pensamentos que en silencio
mestura a memoria miña
entre máxicos segredos:
´… tras dos tempos, tempos veñen´
quen doutro xeito diría!”.

“A teima de medir o tempo” é xa moi significativo no seu título, páxina 21. preceden ó poema 3 versos entre paréntese que din:

“( Por iso,
eu mido o tempo en outonos
e o espacio por arrecendos).”

“Recendos que se alongan”, páxina 25, e “De arrecendo en arrecendo”, páxina 27, non os vou comentar para non alongar demasiado a miña intervención, aínda que non me substraio ós tres primeiros versos deste último:

“…Toda a Patria,
que é a infancia,
cabe nun só arrecendo”.

Por esa mesma brevidade, non comento “Arrecendo da mañá de outono”, páxina 29, que é todo el un acerto e que me trouxo moitos arrecendos da miña vida. “Ule a dor e alegría”, páxina 31. “O equilibrio dos outonos”, páxina 35, “Mídenme os ceos as pombas do serán”, profundamente íntimas, déixoas na miña admiración.

Non comento tampouco, para abreviar, “Tempos idos, ¿son pasados?” páxina 39, cuxo título é xa un acerto.

Recito “Dedicatoria” páxina 15. É todo el unha mensaxe esperanza e auténtica para chegarmos a ser nós. Di así:

 

“Para aqueles
que contando por outonos a súa vida
redimiron pesimismos
no fráxil vagar secreto
que silandeiro nos leva
pola extension dos camiños.
E confiaron
nos azos da Natureza
oculta de marabillas
para agromar da incerteza
cando semella durmida
soñándoa de novo inmensa. 

Para aqueles
que confiaron e aprenderon
que hai que erguer sempre e despois
no amencer de cada día,
fornecéndonos da paz
que desde a honra se dicta,
superando as nubes mestas
que das estrelas nos privan.
¡Abrirá un noso amencer
que cure as nosas feridas!”  

No poema “Magosto de pigmentos”, páxina 23, atopo, como noutros, a súa sensibilidade pictórica, sendo de destacar o verso 2º:

“Que acastañan as colores”. Velaí o poema:
“Outonos cheos
que acastañan as colores.
Outonos longos
de arrecendos nas paisaxes
que empardecen os meus ollos
cos exquisitos matices
dos máis delicados tonos”.

“Lambe as feridas o outono”, páxina 33, é todo el unha belida prosopopea ou personificación, como outros máis:

É o ronsel da memoria
o outono fondo de tintes pardos
concerta os encontros
entre sosegos,
tempos e espacios.
“Neste mundo de présas
que tanto apura
tras das riquezas
leva polo camiño
¡almas en pena!
 

tras da fortuna
que é quen nos cega.
Este mundo de présas,
triste camiño
para a impaciencia,
pouco nos dura
e fai esquencer
moitas carencias
que o outono cura”. 

“Ó cabo”, páxina 41, onde latexan a maiterra, o amor, a xustiza, a defensa contra as aldraxes infrinxidas e a autenticidade de sermos nós. Di así:

Baixo o teito innumerable
do meu cosmos
busco espacios estrelados
baixo o Sol.
Vagalumes que me alumen
os recentos
nas penumbras que me asombran
tanta dor.
Busco ós meus, a miña casa,
a man amiga
que aloumiñe dándome azos
e calor
e que enxugue as miñas bágoas
que son tantas
unha anaina saloucada
a media voz
na palabra melodiona
da maiterra
e na tenrura que acaroa
o corazón.
Busco espacios da xustiza
en liberdade
que musique docemente
unha canción
solidaria e de alento
en brazos firmes
coa esperanza abrindo portas
de ilusión,
 

compañeira infatigable
desta vida
compañeira satisfeita
da paixón.
Busco espacios de luar
nos meus outonos
sosegados no serán
contra o horizonte
Cando amaina diluído
no solpor,
na distancia orixinal
de ser quen somos
defendendo o berce amado
e xeneroso
contra aldraxes infrinxidas
sen perdón.
Cómpre encher tantos silencios
e baleiros,
cada cousa debe estar en situación,
proclamando xusto a tempo
e sen demora
que esta é e será a condición:
... non nos valen
compoñendas e remendos
o que queremos,
dunha vez
é sermos nós. 

Finalmente, “Pasadoiros”, páxina 45, “onde un apaña forzas para cavar outro rego”. Di así:

“...Que outonos non son outonos,
son pasadoiros do tempo
nos que aboian as memorias
no máis completo silencio
antes que caian as noites
das longas noites de inverno
que aínda conxelan espacios
diante os horizontes presos
e me cautivan de lonxe
nas follas que leva o vento
recolléndome saloucos,
alentos e desalentos.
Outonos, non son outonos
Son atallos dun portelo
Onde un apaña forzas
Para cavar outro rego”.

Que saques á luz outros poemas agochados, dos que falou Mini, e que sigas creando outros novos. ¡Noraboa! ¡Moitas grazas a todas, a todos!