Van para alá sobre cinco anos, que en Terreboredo, no acolledor fogar de David e Concha, en estradenses terras, coñecín, persoalmente a Mini e Mero, e tiven a ledicia de oílos cantar. Sempre considerei a A Quenlla un extraordinario grupo musical, honra da nosa Terra e na vangarda dos mellores. E dende ese día Mini e Mero son dous verdadeiros amigos.
Vaiamos ó libro. “Na lonxitude do tempo” é premio da poesía Antonio Prados Ledesma do Concello de Viveiro, onde foi mestre o poeta. O devandito premio, que no 2002 ía pola III edición, gañouno Mero. Está editado por Espiral Maior, na súa imprescindible colección “Poesía”, que dirixe o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, da que fai o número 149.
Lemos na lapela do libro: “Mero Iglesias (Vilalba, 1951), músico, compositor, intérprete, poeta e titulado en Maxisterio, exerce na actualidade a docencia no CPI de Xanceda (Mesía). Antigo membro do grupo musical Fuxan os Ventos e hoxe membro do grupo A Quenlla, ten participado en máis de vinte obras discográficas, algunhas delas auténticas referencias históricas, e é autor de numerosos traballos de carácter pedagóxico e de textos para o ensino, todos eles publicados pola Editorial EDB.
No ano 1995 publica, en colaboración con X. L. Rivas, a obra Contos de vellos para nenos e no ano 1996 ve a luz o libro de lendas tradicionais titulado Somos lenda viva.
Na lonxitude do tempo, primeiro libro de poemas do autor que ve a luz foi galardonado co premio de poesía Prados Ledesma (2002) do Concello de Viveiro.
Ábrese o libro cun prólogo, fermoso e certeiro, de David Otero, tamén poeta e autor dunha extensa e importante obra nos eidos da narrativa, xornalismo, biografía, etc.
O título do libro é o primeiro verso dunha cantiga, a importancia da cal vén subliñada polo feito de estar escrita toda ela en maiúsculas e ser o 1º poema. Di así:
NA LONXITUDE DO TEMPO,
VAN OS OUTONOS:
NA LONXANÍA DO ESPACIO,
TAN SÓ RECORDOS.
Á cantiga, séguenlle 15 poemas máis. O libro é breve, logrado. Moi orixinal. O outono, o tempo, os froitos, o amor, están firme e belamente chantados no corazón do poeta, son esenciais, son seus. Hai poemas que descobren en Mero características pictóricas, e, por suposto en todos eles, musicais. Vou, brevemente, comentar algúns; outros, recitalos.
“Que outonos non son outonos”, páxina 17, remata cun verso que non son quen de non o escribir:
“Para combater os medos”.
“Outonías”, páxina 19, ten tamén un remate logrado:
“Outonos miden os tempos
e espacios en outonías.
Pensamentos que en silencio
mestura a memoria miña
entre máxicos segredos:
´… tras dos tempos, tempos veñen´
quen doutro xeito diría!”.
“A teima de medir o tempo” é xa moi significativo no seu título, páxina 21. preceden ó poema 3 versos entre paréntese que din:
“( Por iso,
eu mido o tempo en outonos
e o espacio por arrecendos).”
“Recendos que se alongan”, páxina 25, e “De arrecendo en arrecendo”, páxina 27, non os vou comentar para non alongar demasiado a miña intervención, aínda que non me substraio ós tres primeiros versos deste último:
“…Toda a Patria,
que é a infancia,
cabe nun só arrecendo”.
Por esa mesma brevidade, non comento “Arrecendo da mañá de outono”, páxina 29, que é todo el un acerto e que me trouxo moitos arrecendos da miña vida. “Ule a dor e alegría”, páxina 31. “O equilibrio dos outonos”, páxina 35, “Mídenme os ceos as pombas do serán”, profundamente íntimas, déixoas na miña admiración.
Non comento tampouco, para abreviar, “Tempos idos, ¿son pasados?” páxina 39, cuxo título é xa un acerto.
Recito “Dedicatoria” páxina 15. É todo el unha mensaxe esperanza e auténtica para chegarmos a ser nós. Di así:
|
Para aqueles que confiaron e aprenderon que hai que erguer sempre e despois no amencer de cada día, fornecéndonos da paz que desde a honra se dicta, superando as nubes mestas que das estrelas nos privan. ¡Abrirá un noso amencer que cure as nosas feridas!” |
No poema “Magosto de pigmentos”, páxina 23, atopo, como noutros, a súa sensibilidade pictórica, sendo de destacar o verso 2º:
“Que acastañan as colores”. Velaí o poema:
“Outonos cheos
que acastañan as colores.
Outonos longos
de arrecendos nas paisaxes
que empardecen os meus ollos
cos exquisitos matices
dos máis delicados tonos”.
“Lambe as feridas o outono”, páxina 33, é todo el unha belida prosopopea ou personificación, como outros máis:
|
tras da fortuna que é quen nos cega. Este mundo de présas, triste camiño para a impaciencia, pouco nos dura e fai esquencer moitas carencias que o outono cura”. |
“Ó cabo”, páxina 41, onde latexan a maiterra, o amor, a xustiza, a defensa contra as aldraxes infrinxidas e a autenticidade de sermos nós. Di así:
|
compañeira infatigable desta vida compañeira satisfeita da paixón. Busco espacios de luar nos meus outonos sosegados no serán contra o horizonte Cando amaina diluído no solpor, na distancia orixinal de ser quen somos defendendo o berce amado e xeneroso contra aldraxes infrinxidas sen perdón. Cómpre encher tantos silencios e baleiros, cada cousa debe estar en situación, proclamando xusto a tempo e sen demora que esta é e será a condición: ... non nos valen compoñendas e remendos o que queremos, dunha vez é sermos nós. |
Finalmente, “Pasadoiros”, páxina 45, “onde un apaña forzas para cavar outro rego”. Di así:
“...Que outonos non son outonos,
son pasadoiros do tempo
nos que aboian as memorias
no máis completo silencio
antes que caian as noites
das longas noites de inverno
que aínda conxelan espacios
diante os horizontes presos
e me cautivan de lonxe
nas follas que leva o vento
recolléndome saloucos,
alentos e desalentos.
Outonos, non son outonos
Son atallos dun portelo
Onde un apaña forzas
Para cavar outro rego”.
Que saques á luz outros poemas agochados, dos que falou Mini, e que sigas creando outros novos. ¡Noraboa! ¡Moitas grazas a todas, a todos!