Palabras pronunciadas na cea dos 25 anos de Pardiñas.
Benquerido Alfonso:
Permítenos que che recordemos unha anécdota que coñeces. Vivida por Castelao, cóntanola el mesmo no seu Sempre en Galiza. É a daquel crego da catedral de Badajoz que dispondo dun magnífico órgano alemán, pasaba as horas a lle estudar as tripas e a limpar os excrementos que os morcegos deixaban nos seus tubos, mais sen tocalo e sen lle deixar tocalo a ninguén. “¡Que lástima de órgano e que pena de organista!” -di- para engadir logo que no censo de intelectuais que moran na nosa Terra hai unha chea deles que se asemellan ao organista de Badajoz, homes que disque haberá que chorar o día que morran por seren sabios, mestres, pensadores, técnicos ..., mais improductivos. E conclúe: “eu quixera mellor homes de acción, que loitaran polo engrandecemento da nosa Terra, sen medo ao fracaso, nin á censura, nin tan sequera ás pedradas. Porque hai que loitar e crear, e non imos perder a vida metidos nas tripas dos problemas.
Que cando un home dispoña dun órgano seipa tocalo, para dar saída ás arelas do seu esprito, aínda que se rompa o aparello e teñamos que chamar por un amañador”.
Alfonso, ti es a antítese do crego de Badajoz. Desde que chegaches a Guitiriz, hai vintesete ou vinteoito anos, puxeches a túa ilusión e os teus saberes ao servizo dese coñecemento de nós, dos galegos e das galegas, que é o único que nos pode salvar da desaparición como pobo.
Como home relixioso que es, non eclesiástico nin ritualista; relixioso no sentido etimolóxico da palabra, de re-ligare, religas as persoas, a xente, coa súa terra, coa súa paisaxe, coa súa historia, co seu alimento material e espiritual. Iso é Xermolos: nada máis e nada menos.
Vintecinco anos poboando e repoboando a Chaira. Árbores de todos os tamaños, de todas as idades, xuntas no destino de sermos bosque para que canten os paxaros do futuro. Iso somos nós, contigo, compañeiro Alfonso, compañeiro.
O fracaso, a censura, as pedradas... todos eses agasallos que anunciaba Castelao para os loitadores, é seguro que che son ben coñecidos. Mais queremos que o saibas, para dicircho estamos aquí, que nos recoñecemos e recoñeceremos sempre como xermolos do teu viveiro. Que che agradecemos que nos deixaras ser parte do teu soño.
Temos que recorrer ás tan coñecidas palabras de Bertolt Brech para che recordar canta falta nos segues facendo, porque:
“Hai homes que loitan un día
e son bos.
Hai outros que loitan un ano
e son mellores.
Hainos que loitan moitos anos
e son moi bos.
Mais hai os que loitan toda a vida:
eses son os imprescindibles”.
Da estirpe dos imprescindibles es tí, Alfonso, que ao revés do emigrante de Rosalía que deixaba a veiga polo mar, deixaches o mar pola Chaira. Mais aquí, en Guitiriz, agradecida, a Chaira faise océano e énchese de ondas para mover o barco de Xermolos.
¡Capitán , saúde e vento en popa!