Manifestación en Vilalba setembro 2012

Manifesto da manifestación de Vilalba, 7 de setembro de 2012

En primeiro lugar, mostrar a solidariedade de todas e todos os chairegos coa vosa loita pola dignidade do voso traballo, e en concreto de todas as asociacións e colectivos socioculturais.

Moitas grazas ós 3 sindicatos, por esta proba de unidade que é o reflexo da vontade de labregas e labregos de loitar xuntos contra tanta ignominia.

Este "mar en calma" que cantou o poeta, hoxe ruxe pola desfeita que estamos a sufrir, no que é o soporte da nosa economía: o sector agrogandeiro.

Non estamos a falar dunha agra máis da nosa actividade. A deriva que estamos a denunciar arrastra a todo o país, por iso estamos aquí, veciñas e veciños de todos os campos socioeconomicos e culturais, e representantes de todos os concellos. Todo o tecido produtivo da Terra Chá creba cos ataques ó noso agro. Somos a avanzada na produción leiteira e cárnica, (4263 explotacións de vacún, o 23,76% de Lugo), por iso o que está a caer, non pode deixarnos fríos, a ninguén: os prezos máis baixos pagados as e ós gandeiros (a perda media por explotación é 3.063 € máis en 18 meses respecto ás españolas e 4.680 € ás francesas), o custo alarmante dos pensos ou da enerxía necesaria para a produción.

Peor ca un tsunami, porque derrubando o sector agrogandeiro, destruense os alicerces, a viga mestra do noso pobo, asolágase a nosa cultura, o noso xeito de construír país. Ou é que nos esquecemos que foron as labregas e labregos os que conservaron o noso idioma, os nosos símbolos, o sentido colectivo de traballar e facer festa: mallas, fías, as festas da parroquia, a música..., cando as administracións, a igrexa, o ensino, os funcionarios deron as costas a Galicia, servindo outros intereses políticos e económicos, e mesmo tildandonos de individualistas, cando estamos a demostrar que camiñamos xuntos.

Co desmantelamento do agro, queren aniquilarnos como galegas e galegos, por iso temos que mobilizarnos todos. Non podemos seguir na inconsciencia de que é unha crise máis, queren vernos derrotados, e con boas palabras convidan a que o derradeiro peche a porta.

Asemella que dende fai anos hai un plan estratéxico nos mercados e multinacionais para afundir as iniciativas do rural, non só clausurando explotacións, tamén coma consecuencia, pechando as portas e ventás doutros comercios e servizos relacionados con elas. E asfixiando a nosa saúde coma cidadáns e coma colectividade. Grazas á responsabilidade profesional do voso sector, contamos cunha alimentación sá, sabemos o que comemos e bebemos e de donde procede, fronte ós transxenicos e alimentación lixo que nos invade polos catro costados. Grazas a vosa sabedoría conservase a paisaxe que nos axuda a respirar, que nos permite ser como somos, e xa moito antes de falar de ecoloxía, practicabades o sentidiño, que é o que non teñen moitos dos que queren levarnos a ruina. Si queremos sobrevivir como galegas/os e como cidadáns deste planeta, temos que erguernos xa, contra este devoramento do máis noso, vainos a vida con él.Alfonso Blanco, en Vilalba

Que non nos embauquen con atallos ou paraisos artificiais, envoltos en celofán, manteñamos vivas as nosas raíces, sen a produción agrogandeira, tampouco van subsistir as nosas aldeas nin as nosas cidades, é o motor do emprego e comercio chairegos, non só as feiras tradicionais, o pequeno comercio, tamén as grandes áreas, as tendas especializadas: maquinaria, pensos, veterinaria, matadoiros, etc. E moito máis traballo directo e indirecto xeraría, si creásemos unha industria láctea, ou transformadora dos nosos produtos, e cadeas de comercialización e distribución propias, sen exportalos fóra, onde está a comercializarse o 80% do leite. Fronte á desidia das administracións que non queren enterarse desta ruina, outros paises colocan os seus produtos nas nosas mesas, afundindo o noso patrimonio e autoestima, coma si fosemos convidados de pedra da nosa propia destrución.

Só unha politica de autogoberno é sensible ós nosos recursos, á nosa riqueza rural, creando unha competitividade, sen complexos, neste mundo global, onde o que van a valorar é esta sabedoría e tecnoloxía, as nosas, capaces de ofertar produtos de calidade e saúde. Ata agora apalearonos con cotas empresariais e enganosas modernizacións industriais, que non incrementaron a riqueza da comarca, todo o contrario, afogaron a moitos con recetas propias de economías alleas.

Neste deterioro do noso tecido socioeconómico, as administracións gobernantes están atentando contra a ética profesional das labregas e labregos, desprezando o seu afán por producir e comercializar en igualdade de condicións: mesas de negociación, contratos homologados, control de prezos..., sen imposicións ilegais de prezos e calidades como está a acontecer por falla de compromiso, marxinandonos nunha Europa que potencia o diálogo entre produción, industria e comercio nos seus paises, e aproveitase á par da nula decisión politica en Galicia.

Ben sabemos na Terra Chá, da forza dinamizadora que están a ter iniciativas neste eido. No nome das e dos cidadáns dou as grazas ós sindicatos por este labor de desenmascarar todo o proceso de produción, dende o terrón que tripamos ata os nosos fogares, para que non nos den gato por lebre, deturpando o noso tecido socioeconomico: contaminando cooperativas, doblegándose ós intereses doutros países que xogan cos prezos confundindo ós consumidores, etc,.

SAUDE E TERRA, como proclamaban os nosos devanceiros.      Alfonso Blanco Torrado