Imprimir

Celebrando a obra de XOSE MANUEL CARBALLO

 

xose_manuel_carballo

 

O Carballo dos soños

No outono que deita a froita xenerosamente, o Paseo dos Soños, agasallanos cunha colleita prodixiosa de ben, sorrisos, pantrigo. Xosé Manuel Carballo Ferreiro, coherente, moldeado en pedra e ferro, converte o camiño nun manancial inmorrente de sorpresas. Cada andadura na compaña do río, é agora unha cita tenra co humorista sementador de paz e irmandade, estremecendonos e emocionandonos, xogando e divertindonos, coa luzada de foulas e luces do Rañego, nunha saraiba que anuncia tempos novos e máis calor, -porque ano de neve ano de bens-, que o mago vai fornecer na chisteira ateigada de soños coa varita máxica recreadora da vida cotiá. Grazas á presencia de Carballo, con raíces rexas, a enerxía do caudal do Madalena reborda. E cando xermole a primavera, o Ferreiro e prestixitador vai abrollar na forxa da vida o mellor de nós para vivir en harmonia con todas as criaturas.valdi_escultor Coma mestre sabe que as persoas ofrecemos distintas facianas, segundo nos miren, coma a escultura de Valdi en Vilalba, na que a carta do 5 ben pode selo 4, dependendo do angulo da traxectoria do camiñante, pero para todos, velliños ou nenos, o cura agasalla ledicia. E cando os aros semellan rachar, o mago soldaos co seu engado misterioso.  

 

 

 

O Paseo dos Soños

paseo_dos_soosSomos dos que buscamos con nostalxia a compaña dun río, para compartir co curso das augas as nosas inquedanzas e ilusións, e cadaquén ten o seu, o río da súa infancia, pero tamén os colectivos nos que renacemos a novos horizontes de vida, que nos dan outra carta de natureza coma chairegos, adoptamos estas sendas fluviais, coma camiño ateigado de luz. Esta patria poética coa que soñamos, que é a Chaira, está a concentrar no Madalena un dos seus recantos máis entrañables. Unha pedra chantada, firme, celebra a nosa fala chairega que descubriu o Ramón Lamote de Paco Martín. No 2º hectómetro literario, Os soños na gaiola, Manuel María convida a liberarnos de frustracións e medos, e facer voar os nosos devezos de dignidade. Un libro aberto con letras vermellas perpetua o berro de Agustín Fernández Paz: O único que queda é o amor, nunha fervenza de formas e olladas alongadas de amantes apreixados nun camiño sempre fresco coas pingas do gozo… E de vagar, na árbore dos soños, penduramos e compartimos os nosos, os que estamos a enxergar arestora, entre as súas ponlas e follas, como fai Xabier P. Docampo nos seus contos aprendidos dos avós, ata cravar a nosa ollada e o noso corazón, nas páxinas alucinantes do “señor da palabra”, Darío X. Cabana. Pero, agora, a máxia non fai máis ca medrar o caudal de sentimentos e cantigas do río amigo, asemella que as ocorrencias de Xosé M. Carballo, ata encantan o seu leito…, e un paxariño ou un peixe, real ou imaxinario, que acubillou na chisteira do ilusionista, ponse a brincar co camiñante, e o lombo do río riza en sorrisos e gargalladas, ata envolvernos cunha emoción rebordante, E coa súa palabra máxica convídanos a xogar cos aros e a fantasear coa baralla… O Madalena tornouse neste treito nun malabarista das nosas emocións, e as viaxes con él, son máis feiticeiras e sorprendentes.  

 

No Muiño do Rañego en Vilalba, sábado, 26 de novembro, as 12 horas

Taboa redonda coa participación de

Mago Antón

Marica Campo

Xesús Mato

Xosé Nieto Negrelos

Luís Veiga

Xulio Xiz

 

Ás 14:30, xantar de fraternidade no Restaurante Río Lea de Castro de Ribeiras de Lea

Organizan: Irmandade Manuel María e Asociación Xermolos