semana_tolkien_iiiHai quen dí que pasou preto de Guitiriz, hai case tres anos, un tipo pequeno, aínda que de bo aspecto e vitalidade. Non parou moito, xa que tiña que ir a unha importante festa de cumpreanos. Polo visto ía ser invitada moita xente a esa festa, e el debía ter que organizar algo, porque non paraba de queixarse dalgúns dos convidados.

A Semana Tolkien celébrase na semana do 22 de setembro (punto de partida da última guerra pola Terra Media) de cada ano para celebra-lo cumpreanos de Bilbo e para servir, ó mesmo tempo de vía para xuntarnos con toda a xente que comparta a nosa afición pola literatura fantástica e en especial co mundo de J.R.R.Tolkien.

Seica foi toma-las augas porque se sentía moi canso, e que non lle deu tempo a moito máis. Din os que o viron que, un día que andaba almorzando nas casetas do pulpo de Parga, púxose a mirar para un anel que levaba no peto, e a comportarse dun xeito moi extrano. Non sei se foi que tomara moito viño, pero comezou a lembrarse dalguén ó que debía querer moito, xa que non paraba de falar do seu “tesouro”. E de súpeto, despediuse moi amablemente e desapareceu. Algo gordo tiña que ser para que lle entrara a présa daquela maneira.

Eu non vin ó tipo aquel, pero si que me creo o conto, xa que desde aquela pasan cousas un pouco raras neste pobo.

Ó día seguinte apareceu nun carro un señor de gris que para min ía de pelegrín a Santiago, só que non levaba cunchas de vieira nin nada. Tamén pasou por aquí un tipo desaliñado con capucha, que, logo de fumar un rato diante de nós, dixo algo así como: “chegou a hora”.

Doutra volta, atopámonos cun rapaz de coleta e orellas puntiagudas, que nos convidou a tomar algo por aí. Segundo íamos andando pola rúa, uníusenos unha cuadrilla de xente moi rara, que polo visto tamén ían de viaxe.

Esa xente contounos historias maravillosas mentres tomábamos cervexa e fumábamos dunhas pipas pequeniñas moi raras. Eran historias sobre unha terra de lendas, na que se fan festas memorables, na que ata as árbores falan, chea de criaturas sorprendentes e na que pasan tantas cousas que parece saída dunha imaxinación extraordinaria.

Todas esas cousas que coñecimos do seu mundo foron dabondo para que decidíramos non ser só os seus observadores, senón tamén os seus visitantes, e sempre que podemos nos xuntamos para falar desa terra e das súas xentes, para ler historias sobre ela, e para tentar que esa cousa tan marabillosa que tivemo-la sorte de coñecer chegue cada ano ó maior número de xente posible.