xose da flor

Xosé da Flor

A Irmandade Manuel María comeza o outono celebrando a Xosé da Flor no Pedregal de Irimia. É acaída esta data xa que este tempo fornécenos coas colleitas máis xenerosas da Nai Terra. E así, coa señardade de “As lúcidas lúas do outono” de Manuel María, seguimos afondando no prodixioso herdo que nos deixou este mozo meirego (Xosé Salgado Agrelo, 1985-2017), que está sementando azos e teimas nos nosos corazóns e nos sucos da paisaxe que o veu nacer. Nas nosas andainas con este líder xa albiscábamos que as súas achegas e iniciativas eran inmorrentes, porque as flores nacen sempre, e porén Xermolos lembrouno cun Aberto de Billarda no Festival de Pardiñas e na quinta edición do Festival de Cine de Música de Roca, nunha noite máxica, como aquela da primeira edición na que disfrutamos do proxecto do filme Dhogs, da man de Andrés Goteira, colaborando no seu “crowfunding”, e despois asistindo á súa proxección na homenaxe que lle rendeu M de Meira o 30 de Nadal. Alí estábamos a Federación de Asociacións da Terra Chá (As FEAS), motivados pola dinámica deste xenio creador que unía todas as augas nun mesmo caudal de solidariedade coma o Miño, mesmo dende a súa participación na UD Pastoricense e no Meira CF. Pero a súa enerxía sentímola cada día, grazas ao seu xeito de loitar pola dignidade do país, xa que era capaz de acender coa súa paixón todas as faíscas que se enxergan no pobo, como as “Expresións Espontáneas” coas que integraba esforzos da colectividade a prol da nosa fala, cultura, facer país... Este sábado vai disfrutar dos seus soños nun dos seus recantos preferidos, o Pedregal de Irimia: a colaboración das asociacións, a música a carón do Pedregal, a dedicación ao comunal... Xa é un guieiro das nosas inquedanzas polo seu compromiso político e cultural como imos festexar nesta celebración de “Afirmación e Dignidade”. A súa estela abrolla co recendo e as cores do outono, propias dun creador total en todo o que ollaba e transmitía. Celebrámolo á par de Xabier P. Docampo, outro dos nosos valedores, tamén nacido e criado nas ribeiras do Miño ao seu paso por Rábade e Castro de  Ribeiras de Lea, coma Xosé, un artista que deu vida á escrita e ao audiovisual, e ao que dedicaremos unha próxima xeira.

Alfonso Blanco Torrado.