Imprimir

COMUNICADO QUE XERMOLOS TRASLADA AO PARLAMENTO EUROPEO

Xermolos parlamento europeoAo recibir o convite para participar no encontro sobre “A situación da cultura galega”  no Parlamento Europeo, en Bruxelas, o 7 e 8 de decembro, Xermolos decidiu plantexar nel a situación da Casa de Díaz Castro, en ruinas, na voz dos dous nosos representantes que viaxan na comisión que elaborou a “Declaración” que imos ler alí “sobre a situación da cultura galega e das e dos profesionais do sector”, e solicitar a súa axuda para a recuperación, un reflexo máis da falla de apoios que sofre a nosa cultura, sobre todo no rural. É unha teima non doada para unha Asociación Cultural sen fin de lucro, que leva 40 anos loitando pola cultura coma unha ferramenta para crear vida no noso país, mantendo o Festival de Pardiñas, 37 edicións, abrindo unha biblioteca todos os días, encontros dinamizadores das nosas raíces... Cando o poeta retorna a Galicia despois de vivir en Madrid a maior parte da súa vida, converte a nosa asociación no seu segundo fogar, e Xermolos comprometeuse a reivindicar a súa poesía e compromiso co noso pobo. Era un escritor descoñecido para as e os veciños e un dos cumios da literatura galega para os criticos literarios. Para nosoutros a súa casa natal ten espírito e futuro, non son só unhas paredes, e aínda que loitamos para que todas as casas teñan vida e non haxa ninguén que non teña casa, temos a garantía de que este espazo máxico vai converterse nun manancial de enerxía para visualizar e revitalizar a nosa cultura rural.

Partimos da experiencia que tivemos coa obra do poeta. O pobo non a coñecía. Cando finou deixounos os seus versos inéditos, pertenzas persoais, apuntes..., e cando no 2014 a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia lle dedicaron a Festa das Nosas Letras e o Ano Díaz Castro, Xermolos sinteu a responsabilidade de devolver ao pobo a súa obra inédita, e os investigadores publicaron a súa poesía completa e outros escritos. Non podíamos ser egoistas e seguir gardando esta herdanza literaria, só para nosoutras e nosoutros.

Agora queremos facer o mesmo coa súa casa, devolvela ao pobo porque lle pertence, non para convertela nun museo nin nun campo temático, senón nun espazo de iniciativas para todas as asociacións do pais que queiran facer algo polo noso rural: debates sobre cooperativismo, montes comunais, os nosos sinais de identidade, olimpiadas populares, ecoloxía, e todas as facianas da nosa cultura..., ademáis de ser o lugar para dar a coñecer a obra de Díaz Castro e dos outros autores da Terra Cha que consideramos as e os poetas dos ríos, porque son e foron os que cantaron a súa importancia vital na nosa paisaxe e queremos que esta casa sexa unha chamada a conservalos dun xeito sostible.

Diaz Castro é un facho aceso para as novas xeracións: foi o coordinador de tradutores do Consello de Investigacións Científicas de Madrid pois domainaba 17 idiomas europeos, e por esta profesión traducía todas as temáticas da ciencia, literatura, tecnoloxía actuais, e ata que finou o seu idioma cotián foi o galego que mamou, e foi un entusiasta da cultura, ciencia e tecnoloxía das e dos labregos que nós agora queremos conservar nesta casa: o tear da súa irmá, as butacas do desaparecido cinema de Guitiriz xa que a súa afección era ir ao cinema, os pupitres dunha vella escola pois a súa vivenda foi a primeira escola dos Vilares, a primeira biblioteca deXermolos que el converteu no seu lecer, e ferramentas de labregos e artesáns de comezos do s. XX que conformaron a súa familia: carpinteiros, canteiros, escribintes.

 

alfonso bruxelasAchega de Alfonso


Quizais endexamais a Europa dos pobos escoitou tan rexa e clara a voz desta rexión que é a Terra Chá coma nestes días do seis ao oito de decembro dentro da delegación da cultura de Galicia que visitou o Parlamento de Europa. Representantes de asociacións coma as
 tres de Muimenta: Iglesia Alvariño, Asociación xuvenil Carabullo e Xotramu, Xermiolos de Guitiriz, a Asociación de Cabreiros, sen esquecernos do colectivo “A chave das noces” de Castroverde que participa nas nosas xuntanzas de asociacións, as “Feas” da Terra Chá, tan ben representadas polo coordinador Ismael García de Outeiro. Nesta delegación de toda Galicia, a presenza do rural foi pequena, si exceptuamos a Chaira. Participaron máis ben representantes do teatro, audiovisual, editoríais, música…. Ao tratarse do Parlamento Europeo, o eco e a emoción da voz foi fundamental, e alí denunciouse a despoboación que sufrimos, o risco que está a padecer a nosa fala e a nosa cultura, Alfonso Blanco dende Xermolos berrou polo noso futuro diante dos representantes da comisión europea con competencias en cultura, Macies Hoffman e Nicola Robinson, denunciando “que a nosa fala e cultura estaban en risco, que non só estaban morrendo moitas aldeas, que tamén as cidades galegas corrían perigo porque si morría o rural tamén deixaban de existir as nosas cidades que se asentan nos seus cimentos rurais”. Afirmou “que Galicia colaborara a construir a Europa dos pobos dende o Atlantico e o Camiño de Santiago e que agora non pode permitir a súa desaparición como tal”.  A voz dos colectivos chairegos estivo reforzada por sinais da nosa identidade coma os xogos populares de Xotramu, mesmo xogando á billarda na fachada do Parlamento coas explicacións de Pepe Darriba, ante a admiración de xente doutros países de Europa, coma reflicte o reporteiro da nosa embaixada, Xosé Lombardero de Muimenta… Os debates no parlamento estiveron reforzados con concertos da nosa música no Centro Galego, así coa música de Verónica Codesal de raíces guitiricenses que lembrou a súa participación no Festival de Pardiñas. As e os que nos escoitaron descubriron a forza do que é noso coma unha achega de enerxía para revitalizar o conxunto das nosas culturas neste mundo global. Foi moi positivo este encontró de colectivos e profesionais de todo o país, no que se decidiu camiñar xuntos e volver a encontrarse en novas xuntanzas. Alfonso Blanco incideu en que os profesionais da cultura necesitan do voluntariado das asociacións culturais, e mesmo puxo o exemplo do teatro, en concreto, do papel fundamental do teatro afeccionado das asociacións culturais na vitalidade deste xenero literario en Galicia.

 

Asociación Xermolos