Agradecemento da Asociación Xermolos
A Asociación Xermolos de Guitiriz quere agradecer os centos de misivas de solidariedade co seu coordinador Alfonso Blanco, tras o recente suceso que sufriu. Cidadáns e colectivos de toda Galicia e de fóra multiplicaronse para demostrar a súa identificación co traballo que está a levar adiante. A Asociación Xermolos sempre arroupou a súa dedicación a todas e todos os veciños, e sobre todo á mocidade que atopou nel un caxato para camiñar mesmo por valgadas escuras. A través de Alfonso Blanco temos colaborado con Proxecto Home, co Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior de Madrid, e outras Ongs, e así dende as que acabamos de citar axudou ao mozo implicado no suceso que sufreu estes días. Tanto el coma Xermolos agradecemos o labor destas organizacións para a recuperación da saúde das persoas e da sociedade e imos seguir colaborando con elas, porque para a nosa Asociación, a cultura é unha ferramenta para crear saude, beleza, convivencia, igualdade, etc. Asi concebimos o Festival de Pardiñas coma un manancial de saúde, non só polo marco do balneario, senón porque a saúde para este colectivo ten unha urdime telúrica, na que recoñecer as raíces de cadaquén axuda a medrar en equilibrio afectivo e en harmonia co patrimonio de un que é o que fai distinta e marabillosa a cada persoa. Xermolos espallou no 2014, Ano de Díaz Castro, que este foi tan grande porque seguiu amando a fala que mamou, aínda coñecendo máis de 15 idiomas e vivindo en Madrid. Xermolos acredita que sabemos situarnos e orientarnos na vida cando valoramos a achega dos devanceiros que forman parte de nós para sempre. E sen perder este norte, intentamos fornecer de saude a cada persoa concebindoa coma unha unidade integrada no medio dun pobo cuns sinais e simbolos cncretos que axudan a exprerarnos dende a tenrura e a beleza.