“Pasou o día e pasou a romería”, este dito popular non cómpre para o Festival de Pardiñas que deixa marcados os corazóns e os corpos dos que cada ano se mergullan neste universo da natureza, a mùsica, as artes, a amizade... A súa chegada é o clìmax dun proceso de proxectos, preludios, soños, desexos, de moitas persoas... E aínda co Festival aconteza mollado coma a pasada edición, a satisfación acadada é plena, porque Pardiñas endexamais decepciona. Créase unha comunicación intensa entre os que participan no Festival. Ninguén se sinte á marxe; neste evento musical todas e todos son actores, creadores, protagonistas da súa ollada estética. A voráxine artistica orienta dende a chegada a voluntade dos festeiros para compartir o mellor que somos e temos.
Por iso, Pardiñas refuga as concentracións masivas que impiden o trato espontaneo e libre entre os que deixaron por un tempo a rutina cotiá e viaxaron a esta fervenza de vida e arte. Pardiñas acadou o corpo a corpo do espírito creativo dos afecionados ás artes, á natureza, á artesanía, nunha lenguaxe directa que prende desa quimica que está a imbricar ás persoas nun ambiente de correspondencia mutua.
Cada festival ten a súa identidade, os seus apelidos ou alcume, este é a “Feira e Festa da Música e da Arte” que se multiplica como a vida en moitos tempos e espazos, aí están as XXV mostras, non só da música, tamén da artesanía, das exposicións na “Casa das Artes”: Pintura, Escultura, Fotografía Cerámica, o debuxo infantil, a poesía, a narrativa, a feira dos libros, o pregón a cargo dunha escritora ou escritor..., e o plato máis mimado: a Mostra de Artesanos de Instrumentos de Música Tradicional que convoca a Asociación de Gaiteiros Galegos. Pardiñas foi pioneira en Galiza nestes eidos, por exemplo, na artesanía.
Xermolos sabe da complicidade de miles de festeiros e festeiras en moitas vilas e aldeas que están dispostos a axudar e sobre todo a contaxiar esta ledicia. Centos de correos electrónicos e chamadas telefónicas de Galiza e de fóra van quentando un ambiente e sobre todo empurrando ós organizadores a traballar arreo para que cada edición entre polos sentidos ós convidados a facer festa, antes creando expectativas e urxindo unha boa programación, despois compartindo e celebrando a comuñón acadada. Cada ano sorprendenos o entusiasmo de festivaleiros que chegan de moi lonxe, no 2004 esas ducias de veciños de Mallorca acompañando a un grupo ou dúas mozas de Australia e Nova Zelanda que viaxaron dende Londres contaxiadas por unhas compañeiras daquí.
Neste contexto os 25 anos de Pardiñas foron un momento álxido, pleno, rebordante de experiencias. Cunha claridade meridiana poidemos disfrutar desta labarada de luz a través de varias achegas ou artigos que grupos e individuos fixeron chegar á Revista Xermolos, nunha entrega extraordinaria conmemorativa deste número significativo e máxico de festivais que foi dada a coñecer nesta data. Hai unha constante nestas análises literarias do festival, todas e todos cadran en que é un encontro totalmente humanizado gracias á boa convivencia que emerxe cada Festival no que non hai extraños e só amigos e compañeiros de viaxe.
Este pulo arrequentado cada edición é o que fai xermolar tanta actividade e iniciativa nos organizadores deste acontecemento cultural que xa no festival actual están a soñar cunha nova singradura, fronte a outras programacións amañadas e teledirixidas por uns poderes lonxanos á creatividade que non cesa ó longo dos meses. Xermolos ten que arriscarse cada festival economica pero sobre todo imaxinativamente para manter este nivel de frescura e convocatoria...
O desenvolvemento en espiral do espirito creativo das vangardas culturais dos pobos e comarcas permite esta enerxía que estoupa cada Festival de Pardiñas. As mozas e mozos que levan adiante este fito traballan á intemperie sen os paraugas de subvencións e privilexios politicos ou económicos que crean imaxes de prepotencia, moito máis publicitarias que transformadoras da realidade. Xermolos curtido polas inclemencias de cada día non teme ás treboadas nin as turbulencias caprichosas dos que mangonean os recursos económicos do país, os impostos que pagamos todas e todos.
O que mantén vivo este acontecemento é a sensación dun festival que se converte nunha illa de liberdade nun mar rizado de conflictos, intolerancia, presións politicas e sociais. Cunhas lindes só marcadas pola contemplación dunha zanfoña, as formas das esculturas, as cores que reflicte a pintura, o arrecendo da gastronomía, o labor dos artesanos por arrancar tesouros da pedra, do barro, dos mimbres..., sempre ó ritmo da mellor música, todo convida á disfrutar a tope da beleza que se respira no ambiente do balneario.
Pardiñas só se ve acosado polos que teñen medo á liberdade e por aqueles que envexan o seu crecemento e profundidade coma esa sìntese emocional que condensa e templa os sentimentos máis transparentes que nacen das persoas.
Alfonso Blanco Torrado