Documento publicado durante a celebración do 25 Festival de Pardiñas (XXV Edición - Ano 2004) 

1. A Primeira Xeración.

Este ano celébrase o XXV Festival de Pardiñas, e vintecinco anos despois da I Feira e Festa, os que comezamos esta andaina, ignorantes da importancia que no tempo ía ter, queremos facer un repaso daqueles primeiros momentos que gracias á grandeza da mocidade, coa súa ilusión e entrega desinteresada a fixo e segue a facela posible.

Mostra ArtesaniaFacendo memoria lembramos a necesidade que sentiamos de cambiar cousas e tamén de compartir cos demais os descubrementos que estabamos a facer: a nosa historia, a nosa literatura, a nosa música... En fin, a nosa cultura. Pero faltaba o xeito, a canle que nos permitira chegar a moita xente. E atopámolo durante os ratos de tertulia ou debate que tiñamos no local de Xermolos. Pero como a memoria, enchida de emoción, pode enganarnos, o mellor é refrescala coas palabras escritas nos primeiros e artesanais números da revista da Asociación, nas que diciamos:

Somos un grupo de xente nova que vimos traballando fai máis de dous anos para que a cultura sexa un dereito para todos, para que a xuventude da nosa comarca teña máis medios para formarse e divertirse. Estamos convencidos de que a través da cultura, da música, do teatro, dos libros, das festas, do xogo... estamos elevando o nivel de convivencia e alegría da nosa vila de Guitiriz.

Un dos nosos obxectivos é recuperar as raíces populares das nosas festas (...) estamos preparando a I Feira e Festa da Música e da Arte, encontro vivo cos creadores das distintas manifestacións da arte do noso pobo.

vspace=E así naceu a idea e comezaba o camiño. Despois houbo que buscar o sitio e o día axeitados cos que non se danara a ningunha outra festa do Concello e, velaí, atopámonos con Pardiñas e o primeiro sábado de agosto.

E arrincamos, era 1980.

Comezou o traballo: reunións para se organizar, contratar os músicos, ir pedir polas casas, buscar un chigre, montalo, carrexar as pezas de escultura de Leandro Seixas, o creador de Pígara, conseguir cerámica, os libros, os discos... Erguerse ás cinco da mañá para ir polas sardiñas a Corme…, e á fin, celebrouse o I Festival e a ilusión tornouse realidade.

Hoxe, coa perspectiva que dá o tempo, atopámonos cun Festival de fama outorgada polos profesionais de tanto renome que por el pasaron: María Manuela, Amancio Prada, Milladoiro, Fuxan os Ventos, A Quenlla, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Os Resentidos, Taranis, Doa, A Roda, Xosé Manuel Eirís, Brath, Wotan, Na Lúa e tantos outros que converteron á nosa Feira e Festa en referencia que identifica a Guitiriz nos catro puntos cardinais, o que nos enche de orgullo, sabendo ademais que segue a ser fiel á idea recollida naquelas primeiras revistas:

xeracion_primeira_3Cando o parimos quixemos darlle un nome que a distinguise, que proclamase ós catro ventos a maneira de ser dos seus proxenitores, e apelidámola así: FEIRA E FESTA DA MÚSICA E DA ARTE, porque queremos que sexa un festival de música, de cores e de formas. Que todo o que sae da imaxinación e do ser de Galicia esté alí presente: pintura, escultura, cerámica, libros, música, poesía, xogos...

Sementamos algo do que hoxe nos sentimos fachendosos. Énchesenos o peito ó dicir que estivemos alí e que pertencemos ó grupo de xeración que ten feito, con moi poucas axudas e moitos atrancos oficiais, o II, o III, o IV..., e así ata o XXV Festival de Pardiñas e seguimos, porque o festival pasa de xeración en xeración, axeitándose ós modos e maneiras de cada unha delas, e vive como festa para todos, para xuntar da man ó avó e ó neto, ás familias na merenda e como punto de encontro para ducias de amigos e xentes de toda Galiza e de fóra.

Nós comezamos un camiño que outros continúan e temos a certeza de que vai perdurar.

¡VÉMONOS EN PARDIÑAS!

 

2. "Os do Medio".

Aló polo ano 1980 arrancou esta historia do FESTIVAL DE PARDIÑAS: !o festival!, !qué pasada!. Revéntanos o peito nada máis pensar en moitos momentos vividos neste balneario, e non precisamente polo tema das augas, aínda que teñan a súa cousa. Cando nos comunicaron que tiñamos que escribir algo para conmemorar o 25 aniversario do FESTIVAL DE PARDIÑAS, moitos foron os recordos que comezaron a rebulir. Deseguida, chamadas telefónicas, reencontros, quedan para facer algo en común, e-mails por mor da distancia....

Comida de XermolosLonxe queda aquel tempo no que Alfonso chegou á vida de todos nos. Aquel home que, sen sabérmolo, ía dar un xiro nas nosas vidas. Èramos todos moi noviños cando comezamos a oir falar daquel cura que montara unha biblioteca, daquela na Escola Vella. As cousas comezaban a cambiar, pouco a pouco, ou moito a moito, porque, ¡anda que non deu que falar esa andrómena!. 

Neses tempos a Biblioteca trasládase e foi parar ao edificio do actual Concello. Aí comezou a nosa vinculación absoluta co que inmediatamente ía ser Xermolos e co Festival de Pardiñas, sin esquencernos daquelas comidas na casa de Alfonso que, ainda que lúdicas, servían para xestar diversas liñas de traballo.

Moito houbo que limpar, calear, repintar no novo local durante eses anos pero mereceu a pena. Alí descubrimos a música en todas as súas facianas, por pasiva, moitas horas escoitando, e por activa, as primeiras clases de guitarra e de gaita: actuar e vivir a música, ben tocando, ben escoitando. Mesmo algún de nos,¿quén o ía a pensar naqueles tempos?,tivemos a oportunidade de tocar no escenario de Pardiñas abrindo o festival moitos anos despois. Tamén houbo intres para a arte, chegando a convertirmonos temporalmente en artesans alfareiros elaborando o anagrama de Xermolos en barro na casa de Salva de Pardiñas, para logo vendelos no festival para recadar fondos. Música e arte que tiña o seu cénit na FEIRA E FESTA DA MÚSICA E DA ARTE.

Pegada de CarteisAo pouco fomos entrando en contacto naquela primeira biblioteca os/as do Curro Vello con os/as da Ponteveiga, os/as do Campo da Feira con os/as dos Vilares, os/as de Torre Vella con os/as de Parga, os/as doutras xeracións coa nosa..., non só para a organización do festival -que sendo unha peza clave non era o único que nos unía-, senón para a organización diaria de toda a actividade de Xermolos impulsada e artellada dende a "Biblio". Nese local da antiga casa-cuartel pensáronse moitos festivais que nos tiñan ocupados e preocupados boa parte do ano, pero o realmente potente comezaba uns meses antes.

Tiñamos as primeiras xuntanzas serias, ou non tan serias, pero xa se comezaban a puntualizar os temas máis importantes: decidíase que grupos ían a vir, como se ían a recadar fondos (que pouco nos gustaba ir a pedir polas casas), montar o chigre eiquí ou acolá, !qué descubrimento de fonte de ingresos trocando as actuacions do Grupo de Gaitas e Danzas pola instalación do chigre en festas e romaxes: San Alberte, Santa Mariña, Trasparga......a propia Pardiñas. O chigre, ¿cómo desligalo de Pardiñas?, simplemente asignar os turnos de traballo era unha odisea, e non digamos transportalo ás diferentes festas.

Outro dos puntos máis problemáticos era sempre a orquestra do domingo despois do festival, cuestión esta que quedou zanxada no ano 1987 incluíndo no programa actuacións alternativas e máis concordes co espírito do festival: O mago Antón para estimular os sentidos , Gris Merengue para bailar con música tradicional, Milladoiro, A Quenlla e Radio Océano completaban un cartel creativo e diverso que substituía a falla de creatividade das orquestras daqueles tempos que non achegaban nada novo.

 Vacación sen OrtigueiraTocounos vivir épocas de cambios importantes no festival que fomos superando con ilusión e esforzo: no ano 1985 ampliamos o traballo na sección de carpintería para montar ises casetos tan típicos de Pardiñas elaborados con madeira e xestas que se ían apañar, algún ano ata os Vilares. Tal foi o éxito das sucesivas Mostras de Artesanía que en anos posteriores tiñamos montada unha cuadrilla que traballaba mañá e tarde unha semana enteira para este traballo coa fin de ampliar a mostra ano a ano. No ano 1986 xa fomos quen de introducir o primeiro grupo de rock, Os Resentidos, para no ano 1988 imbricar no cartel as primeiras actuacións internacionais : Miró de Escocia e La Ciapa Russa de Italia. 

Outro momento importante e máis problemático naquelas reunions foi decidirse a cambiar a orquestra do sábado, aí estaba o gran dilema: ¿orquestra ou grupo de rock?; había opinións para todos os gustos pero á fin, viñera quen viñese, a noite do sábado era espectacular, non facía falla que foran os Rolling Stones ou os Satélites; alí, arredor do bar de Xermolos, xa se respiraba un ambiente especial, supoñemos que agardando o gran día pasabamos unha noite caralluda.

Despóis de varios anos de dilema, o festival medrou pasando no ano 1993 a celebrarse dous días incluindo en edicións posteriores (1994) a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional tal como a coñecemos hoxe en día.

O tema bonito era o das pegadas de carteis; iso de sair da casa ás dez ou once da noite cunha escoba, un caldeiro cheo de cola e un bo fato de carteis, e veña tres ou catro no coche do cura e a pegar media Galiza. Coñecías xeografía a golpe de escoba , de risas e tamén dalgún cubata ca outro. Algún ano temos conquistado ata a mesmísima muralla de Lugo poñendo ó seu arredor uns paneis pintados a man para anunciar o festival.

xeracion do medioA enxeñería era un tema que tamén nos tiña moi atarefados; a cousa non era para menos, había que montar unha chea de cousas: o palco, o chigre, os casetos dos artesáns, a exposición de arte..., e claro, profesionais non había moitos, home, algún había ou polo menos pareciao. De tódolos xeitos a cousa ía saíndo, e cando chegaban os últimos días, eso sí, con bastantes apuros, tiñamos todo preparado, ou case todo.

Pardiñas para todos nós era traballo e máis traballo, o domingo tocaba traballar, uns no chigre, outros a asar sardiñas, outros coa intendencia (que non era pouca); tamén había que atender os postos de venda, a exposición e os artesáns, todo o que había que montar antes , o que tiñamos que recoller despois, ou sexa: unha pila de chollo, pero disfrutabamos Pardiñas, a non ser que chovese, que tamén ten pasado. Iso sí, cando remataba, se aguantabas ata o final (que non sempre se conseguía), quedabas fundido, pero fundido de verdade, aínda que tamén liberado, sobre todo cando á última hora comentabamos como saira todo, que si este ano houbo máis xente co anterior ou que tal o fixeran os grupos, e xa pensando no ano seguinte.

Pardiñas dou uns momentos de absoluta felicidade, a cada un dun xeito, pero foi xenerosa con nós. Xermolos e Pardiñas axudáronnos a ver o mundo doutra maneira, igual cas cabalgatas, a recuperación do entroido, a semana en Ortigueira, as fins de semana na Biblio...., e regalarianos un fin de semana de reencontros varios anos despois.

GRAZAS A PARDIÑAS , GRAZAS A XERMOLOS

 

3. A Xeración Actual.

Non é doado facer un retrato xeneracional do que significa o Festival de Pardiñas para os que agora estamos metidos no allo. Somos unha xeración individualista e a pertenza a un grupo, a unha idea ou a un credo espántanos de seguido. Quizais por iso o Festival algo ten que ter cando xunta ó seu redor persoas tan diferentes. Polas mesmas razóns este texto non quere ser representativo dunha forma de pensar conxunta. Sobrannos discrepancias e faltanos perspectiva para valorar o que hoxe é Pardiñas. Con todo imos espallar algunhas ideas que dun lado é outro fumos collendo.

xeracion_actual_1Pardiñas faise pola tolería dun cura de xenio bravo e que sabe latín. A partires de aquí catro gatos con máis adicación e centos de máns poñendo o seu grao de area ó longo de varias xeracións de mozos e mozas do Concello de Guitiriz fixeron do Festival de Pardiñas o que é hoxe: o Festival máis antigo de Galicia en número de edicións e, non o esquezamos, ininterrompidamente.

Pero isto que é un feito indiscutible nunca foi tido en conta polas institucións que tiñan que apoialo e aproveitalo para difundir no exterior que Guitiriz existe. Hai que lembrar que son os días do ano que máis xente de fóra vén ó noso concello, que os máis novos e os non tanto, os medios de comunicación e , en xeral, o mundo da cultura sitúa a Guitiriz no mapa gracias fundamentalmente ó Festival de Pardiñas. Agardamos que algún día se entenda co mellor para o Festival é o mellor para Guitiriz.

xeracion_actual_2Pero, afortunadamente, o Festival de Pardiñas segueu e segue adiante e, así, hoxe, facemos 25 anos, que se dí axiña. Pero para moitos de nós hai dous festivais, un consiste na organización e outro no festival en sí. Este último foi posible gracias á adicación altruista de moita xente que abarca dende finais dos 70 ata agora mesmo e no que se foi transmitindo o facho de Pardiñas, no que agardamos que unha nova sementeira o manteña vivo. Pardiñas foi e é música, artesanía, literatura, pintura, escultura, gastronomía, deporte,... e festa, moita festa. Todo isto perdura dende o principio. Pero non soamente acadouse que varias xeracións o fixeran posible, tamén se fixo posible que nunha mesma festa poidesen convivir nenos, mozos, adultos e vellos disfrutando por separado ou xuntos, de distintas cousas ou da mesma. Era un dos obxectivos cos que naceu Pardiñas e é un dos méritos que ten hoxe.

Este é o festival que se ve dende fóra pero hai outro festival que é o fai que isto sexa unha realidade. Na organización traballamos moitos mozos e mozas do Concello de Guitiriz, e tamén de fóra (gracias eternas ós das Pontes). A montaxe, a publicidade, a venta de camisetas, os bares, as exposicións, a recollida do lixo,... todo o que supón o festival está feito coa colaboración de moita xente. Pardiñas é un festival artesanal porque está feito coas mans.

E aquí hai que facer fincapé que aínda que moita xente axuda, necesitamos todo o apoio que se nos poida dar, pensando non só no festival deste ano se non tamén en continuar esta carreira de relevos que cumpre 25 anos. Tamén hai que lembrar que namentras moitos están a disfrutar do festival outros están traballando, e ás veces os que máis esforzo, ilusión e loita poñen son os que menos poden disfrutalo. Pódese discutir se o festival está ben organizado, pero desde dentro podemos dicir que cos medios que temos facemos todolos anos o miragre dos pans e os peixes, e aínda que moitas veces acabamos botando pestes entre nós, voltamos cada ano a turrar coa burra.

xeracion_actual_3A forza para seguir con ista tolería ten que vir do espíritu que rodea o Festival, e que sentímolo máis vivo que nunca. Pardiñas é para moita xente do Concello de Guitiriz, da Comarca e para centos de ofresidos que veñen cada ano dende dentro e fóra de Galicia un espacio de encontro e reencontro con amigos. Aquí vense os que vemos todolos días e aqueles que pola vida podémolos ver poucas veces. Pardiñas de fixo é unha ¿Hai algo máis fermoso que estar tumbado no prado o domingo á tardiña, entre pinos, con boa música de fondo e cos amigos de sempre?

Tamén sabemos que Pardiñas é descontrol, liberación e ás veces tamén mal rollo. Porque é un día moi agardado, moi intenso e de moito exceso. E como ter un día de fin de ano no verán, como tal é un día de festa, de festa tola, de pasalo moi ben pero tamén de malos momentos. Detrás de Pardiñas hai miles de historias, moitas efímeras, outras que naceron ou morreron, pero moita da historia sentimental de Guitiriz escribiuse no Festival e, como na vida mesma, ten as súas ledicias e as súas miserias. Porque Pardiñas é , ante todo, un espacio e un tempo de exaltación de vida e liberdade, con todo o que ten, o bo e o malo