O XLI Festival de Pardiñas nun novo formato!!!
A Asociación Xermolos decidiu celebrar o XLI Festival de Pardiñas nun novo formato de acordo co seu título de Feira e Festa da Música e das Artes, tendo en conta as medidas de seguridade vixentes, convencidos da necesidade de manter viva a nosa cultura e música mesmo nos tempos máis arrriscados, desenvolverase nas fins de semana de agosto en distintas paisaxes do concello, nas que ao longo do ano manteñen actividades.
Principian o 1 de agosto no Campo da Feira de Parga coa 27 Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos e remata o 30 con actividades musicais nas parroquias do Vilar e Santa Locaia en albergues do Camiño de Santiago, promocionando o patrimonio das nosas aldeas. Haberá pequenos concertos de grupos próximos, presentaranse libros relacionados con artesáns, proxectaranse filmes coma María Soliño, os Irmáns da Lexía, “O trobador Martín de Padrozelos” e realizaranse talleres de distintas actividades. Nos vindeiros días presentarase o programa completo, remarcando celebracións de datas coma a Galiza Mártir, a entrega dos Premios do Certame Terra Cha da infancia e mocidade, o Festival Urban Witiricus...
Longa vida á nosa cultura!!!