A Coral XERMOLOS inicia a súa andaina no ano 1985 no seo da Escola de Música da Asociación Cultural do mesmo nome, de Guitiriz, na que comparte o seu interese pola cultura musical cos Grupos de Danza e gaitas.
No seu inicio a Coral XERMOLOS estaba formada por voces mixtas, incluíndo nenos, así como un nutrido grupo de instrumentos de corda (guitarras, bandurrias e laúdes).
Durante esta primeira etapa a súa dirección estivo a cargo de D. Alfonso Delgado.
A súa primeira actuación en público foi o 17 de Maio de 1986, nun acto celebrado no Colexio Público "Lagostelle" de Guitiriz co gallo do "Día das Letras Galegas". A partir de aí realiza numerosas actuacións en varias parroquias do Concello con motivo das súas festas patronais. Dende a súa creación ven participando ininterrompidamente na "Feira e Festa da Música e da Arte" (Festival de Pardiñas).
A finais da década dos 80 a Coral realiza unha estruturación na que desaparecen os instrumentos e permanecen so as voces.
Neste período a Coral subscribe o convenio Deputación de Lugo-Caixa Galicia para Bandas e Corais, desprazándose a varios puntos da xeografía luguesa (Escairón, San Clodio, San Ciprián, etc.).
No ano 1991 destaca a súa participación nun espectáculo conxunto cos Grupos de Danza e Gaitas da Asociación Cultural Xermolos no País Vasco, invitados polos Centros Galegos de Sestao e Baracaldo para celebrar o "Día das Letras Galegas". Neste espectáculo estréanse varias pezas coreografiadas e musicadas para esta ocasión. A Coral XERMOLOS comparte tamén programa coa Coral Ondarreta de Algorta, no Conservatorio de Sestao.
Ao longo da súa historia realiza intercambios con corais da provincia e de Galicia, e participa nos Circuítos Culturais organizados pola Consellería de Cultura (Taboada, Monterroso, Palas de Rei, Becerreá, O Valadouro, etc). Así mesmo ten intervido en programas de radio e televisión (Telelugo, TVG e TVE).
Tamén participa e colabora habitualmente co Concello de Guitiriz, coa Escola Municipal de Música e coa Banda Municipal do mesmo concello.
Na actualidade a Coral XERMOLOS está integrada por unhas 25 voces mixtas e dende o ano 1998 está dirixida por D. Manuel Vizcaino Díaz mestre especialista en Educación musical. No Xacobeo'99 é seleccionada xunto con outras corais para participar na Mostra de Corais Galegas "Galicia Cantat", organizada pola Consellería de Cultura e o IGAEM. Dende o ano 2003 participa no Festival de Panxoliñas organizado pola Delegación Centro da provincia de Lugo da FECOGA (Federación de Corales Galega). Tamén nesta etapa interpreta pezas en conxunto coa Banda de Música Municipal de Guitiriz
No repertorio da Coral inclúense pezas tradicionais galegas e españolas, panxoliñas, música sacra e outras.
Relación dalgunhas das actuacións realizadas ao longo da súa historia
29/12/1991 Vilalba, Encontro Coral de Polifonía e Panxoliñas
02/08/1997 A Mezquita (A Merca-Ourense), Concerto do Verán
29/11/1998 Auditorio Municipal de Vilalba, Encontro Coral
05/06/1999 Centro Social de Fingoy de Lugo, Concerto de Corais
21/05/1999 Auditorio Municipal de Vilalba, Concerto de Música Galega
02/10/1999 Igrexa de San Paio, A Estrada, Mostra de Corais Galegas – Galicia Cantat
19/12/1999 Igrexa da Milagrosa de Lugo, Encontros de Panxoliñas e Polifonía
07/10/2000 Igrexa das Concepcionistas de Viveiro
05/05/2002 Casa da Cultura do Vicedo
05/07/2003 Auditorio Municipal de Valdoviño, XVI Mostra de Canción Coral e Agrupacións Musicais
22/11/2003 Igrexa de Santiago de Padrón, III Festival "Santa Cecilia"
14/12/2003 Igrexa San Froilán de Lugo, I Festival Provincial de Corais Panxoliñas (FECOGA)
20/12/2003 Igrexa Santa María de Guitiriz, Festival de Panxoliñas
26/11/2005 Igrexa Santa María de Guitiriz, Festa de Santa Icía
30/12/2006 Igrexa das Concepcionistas de Viveiro, IV Festival Provincial de Corais Panxoliñas (FECOGA)
24/11/2007 Clube do Mar San Amaro de A Coruña, Son de Outono – Mostra de Corais 2007 (Consellería de Cultura e Deporte-FECOGA)
06/01/2008 Auditorio Municipal de Vilalba, XXII Festivall de Polifonía e Panxoliñas
18/07/2009 Pontedeume, VI Festival Habaneras Cocello de Pontedeume
12/12/2010 Casa Habanera de Guitiriz, Concerto Santa Icía
18/12/2010 Casa da Cultura de Cospeito, XI Festival Panxoliñas
Relación dalgunhas das pezas incluidas no repertorio:
Remuiño, música Manuel Vízcaino, letra Xosé Mª Díaz Castro
Morriña, Xosé Fernández Vide, Arr. Gerardo Rodriguez Valdés
Maruxiña, melodía D. Iglesias, versión coral X. A. Oliveira
Has de Cantar, Rosalía de Castro, Arm Antonio B. Celada
Xermolos, letra Manuel María, música Antonio Gundín, arm Alfonso Delgado
Ave María, Thomas L. De Victoria
Signore delle Cime, Guiseppe de Marzi
Santus, Antonio Lotti
Con Sabor Tropical, Ricardo Tejada, música Jorge Domingo
El Abanico, habanera popular, J. Trayter
Jamaican Noel (He's Tiny Little Baby), letra e música de Kirby Shaw
Tamborilero, H, Simeone, H. Onorats, Arm. Alfonso Delgado
Alá pola Noite, popular galega, Arm. Manuel Vizcaino
En Mísero Establo, E. Cano, música Juan Sandoval, Arm Marcelo Beltrán
Go down, Moses, espiritual negro
Piama, popular colombiana
O rama que linda rama, Arm. Adelino Martins, popular portuguesa
O sole mio, G. Capurro, E. Dicapua