Imprimir

escudo xermolos

logo elprogreso
Pioneiros en facer pobo

 

A Asociación Xermolos de Guitiriz alcanza os 40 anos de vida en plena actividade e cunha bagaxe envexable


Domingo 6 de Noviembre de 2016 | Cristina Pérez | Guitiriz


O 24 de outubro do 76 celebrábase no bar Gaibor a primeira xuntanza para crear unha nova asociación en Guitiriz. Nacía Raíces e Cañotos, entidade de moi curta vida que, porén, foi clave, xa que serviu de semente para Xermolos, un colectivo xuvenil que non é doado encaixar na clásica definición de asociación, porque sempre foi un paso máis alá.

"Xermolos non é unha asociación cultural ao uso, ten unha praxe moi contante de sensibilización sobre o país", conta o historiador Felipe-Senén López, autor dun logotipo que xa é unha imaxe de marca: "É unha especie de reflexo da auga, das ondas que forman cando tiras unha pedra", precisa sobre un deseño que tamén bebe dos petroglifos, vencellando a riqueza acuífera de Guitiriz coa súa rica historia pétrea.

"Xermolos foi a materialización dunha ilusión que tiña a xente por facer cousas e serviu para vincular ao redor da actividade cultural á mocidade de Guitiriz", lembra Manuel Castro, un daqueles mozos mobilizados por unha entidade que, pouco despois de nacer, foi quen de poñer en pé unha Feira e Festa da Música e da Arte, o Festival de Pardiñas. Declarado Festa de Interese Turístico en 2008, ten o mérito de ser a cita máis lonxeva de Galicia, xa que Ortigueira, con cuxos organizadores contactaron os guitiricenses, nacía antes, pero botou varios anos sen facerse.

"Foron tempos de moito traballo, tanto pedías polas casas como bailabas, atendías o chigre ou montabas o palco", di Manolo, verbalizando o que foi e é un dos piares de Xermolos, o traballo desinteresado de moreas de voluntarios, unha constante que chega a actualidade.

 

Alfonso e un dos colaboradores da asociación, Xosé Manuel Veiga, viaxarán a Bruxelas en decembro para falar dos 40 anos de experiencia de Xermolos

xeracion primeira 2

Unir, crear, revivir as tradicións —recuperáronse o Entroido e os Reis nos inicios e levan catro décadas organizándose— son algunhas das palabras que se lle veñen á cabeza a outro daqueles mozos, Roberto Santamariña: "Xermolos supuxo unha forma distinta de relacionarse, conseguía xuntar unha punta do pobo coa outra, era e é un nexo", precisa, volvendo a vista atrás para recordar, por exemplo, que grazas á entidade ían a Ortigueira de campamento de verán.

E é que ese é outros dos méritos da asociación, o seu carácter pioneiro. Obradoiros para aprender un oficio, xornadas de cine, música ou teatro, a primeira biblioteca de Guitiriz —merecedora dun premio nacional en 1985— escolas de música ou de deportes... Hai poucas iniciativas que Xermolos non puxera en marcha para dinamizar o municipio, sen esquecer a faciana reivindicativa, pois aí estivo co Casón, con Sidegasa...

Mais toda reacción, e a que supuxo Xermolos foi grande en plena época da Transición, necesita un catalizador. E ese non foi outro ca o crego Alfonso Blanco Torrado, que chegaba a Guitiriz como cura de San Salvador e Trasparga, malia que os destinos previstos por el inicialmente eran Madrid ou Abadín.

E, practicamente dende o día un, púxose a traballar coa mocidade, axudando a tranformar a idea inicial dos rapaces de crear un cineclub nunha asociación con fondas raíces, impulsora nestas catro décadas de publicacións coma Guieiros (16 números), cadernos (47), revistas (60), As Nosas Raíces (11) ou as coleccións de poesía As Foulas do Rañego (7) e de prosa A Pedra Albeira (11), así coma en eventos coma a Festa da Fala do San Alberte, a Festa de Afirmación e Dignidade de Meira, os Encontros na Terra Chá, o nomeamento de Chairegos de Honra, o Paseo dos Soños de Vilalba... e un longo etcétera que se perde no horizonte.

"Non pensabamos celebralo, pero é un número redondo e dinme que hai que facer algo", explica Alfonso, ideando un programa de actos para conmemorar unha efeméride que chegará ata o Parlamento europeo. Grazas a unha invitación de Age e da Esquerda Verde Europea, Alfonso e un dos colaboradores da asociación, Xosé Manuel Veiga, viaxarán a Bruxelas en decembro para falar dos 40 anos de experiencia de Xermolos nunhas xornadas sobre lingua e cultura nas nacións sen estado.
XERMOLOS | GUITIRIZ | ALFONSO BLANCO TORRADO | MANUEL CASTRO