É un recanto de Guitiriz adicado a celebrar as palabras: as vivas que estamos a construir hoxe nas nosas relacións sociais, na convivencia de cada día, por iso é un lugar dotado de mesas, acolledor para poder falar e comunicarse, con moita luz e beleza. Unha ocasión para atoparnos, achegar cada veciña e veciño.
Outra das súas dimensións é facer memoria da palabra oral, das lendas máis importantes do noso concello, esas que recollen toda a simboloxía da nosa mentalidade coma pobo, estan contidas e expresadas en dúas obras de arte: "A cova da serpe" e "A cidade asulagada".
"A cova da serpe" é unha serie de gravados que conteñen toda a forza e emoción, mesmo nas cores, deste drama e loita dunha das tradicións orais da comarca. É unha obra da artista plástica de Begonte: Lucía González Gómez.
A outra lenda é "A cidade asulagada" composta noutro mural da Casa das Palabras a base de barro e pedra. Unha representación totalmente plena froito da creación e imaxinación de dous creadores da nosa comarca: o canteiro e artista plástico Xavier Quijada e Pilar López Cupeiro, ceramista, de Begonte e Cospeito respectivamente. A base do mural é a cidade da antiga Lagostelle soterrada construida no granito desta comarca, rematada cunha forza expresiva impresionante polo artista Quijada, agora afincado en Guitiriz.
A ceramista Pilar López acadou no seu traballo de moldear o barro unha interacción poderosa entre cerámica, pintura e escultura... Unhas cores vivas introducennos na paisaxe de sempre nos Boedos: os montes, as pucharcas, a serpe..., que penetra silandeira no corazón das nosas tradicións. A expresión acadada entre as formas e as cores é un prodixio que concentra a atención dos que hoxe estamos a disfrutar a arte das e dos creadores da Terra Chá.
A palabra escrita é a outra fibra do corazón deste fogar de Guitiriz. Por unha banda, os manuscritos e un percorrido pola vida e obra do poeta de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro, por outra, unha ollada didáctica da historia das nosas letras. En varias vitrinas podemos ler e contemplar a letra manuscrita de Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Novoneyra, Manuel María, e das máis e dos máis novos. Varias primeiras edicións e poemas asinados polos seus autores ilustran esta mostra da nosa literatura.
Hai un lugar especial para autores relacionados con Guitiriz: Pérez Prado, Antón Santamarina, Marica Campo, os irmáns Lorenzo Tomé...
Unhas vidrieiras gravadas cos nomes dos montes, ríos, aldeas, terras..., da parroquia de San Xoán de Lagostelle ambientan ese recanto que conserva a obra de Días Castro. Tamén na fachada atopamos os relevos en pedra que anuncian a Casa das Palabras e a Obra Social de Caixa Galicia, ámbalas duas obra do escultor Xavier Quijada. A familia dos canteiros Quijada de Donalbai construiron toda a infraestructura en pedra deste espacio no que hai que salientar esas estanterías de granito que dignifican a presencia e convivencia dos libros, todos relacionados co noso pobo e a súa lingua.
Alternativamente cada quince días hai distintas actividades:
Os martes:
"COÑECENDO O NOSO UNIVERSO": son documentais sobre calquera elemento da vida e do muniverso: animais, plantas, ciencia, medicina, xeografía, cidades, etc., sempre seguidos de debate.
"MARTES DE CINE" son a proxección de filmes con coloquio sobre todos os elementos dunha pelicula: argumento, director, música, actores e actrices...
Os xoves:
"ESCOLA DA MEMORIA" son encontros para escoitar a experiencia, a historia, a sabiduría das persoas con máis anos de vida, verdadeiras bibliotecas nas que descubrir os segredos das cousas máis sinxelas da vida cotidiá, mesmo creando un diálogo interxeracional
OBRADOIRO DE CREACIÓN" é o momento de compartir ese espírito creativo que temos todas as persoas nas artes, nas letras, os oficios e destrezas.