Imprimir

...a primeira fin de semana de agosto,
excepto en ano Xacobeo, que se celebra o segundo

O día que non se celebre a Feira e Festa da Música e da Arte, sexa cal sexa a causa, publicarase en todo o mundo a nova de que a aldea gala caeu. Que o último vestixio dunha civilización desapareceu.

Esta feira, existiu de modo autónomo á política cultural do pais, e competiu en desventaxe coa política cultural do pais, no momento, no que esta política pretendeu crear artificialmente unha rede de typical galego féstivals. O campo da festa mantivo o sorriso da Monalisa, nos días da revolución dos cachés por actuación, nun momento en que tódolos alcaldes do pais encheron de cartos o mercado da música, facendo innaccesible o mediocre, e imposible o excelente. Nestes tempos de antirevolución cultural galega, no que os celtas, iberos, godos, romanos, escoceses e irlandeses, semellaban selo mesmo, os pinos de Pardiñas tiveronlle que explicar a algún, que aquel trangallo, era o noso palco, e que aínda que a el lle parecese pouco, nun palco así tocaron, fai unha ducia de anos xa, os Tannahill Weavers, cando xa tiñan vinte discos, e no momento culminante da súa carreira. Facendo que sans e tullidos, bailaran cos pes voando un palmo sobre o campo. Pero tódalas capelas se lles fan pequenas ás que non son santos.

A Feira e Festa da Música e da Arte, acolleu dende hai moitos anos outra cousa rara, a exposición de artesáns dos instrumentos, que visto que é organizada por feirantes, e se converte nunha feira, dentro da feira, chégase á conclusión de que vale máis esa xuntanza que tódalas feiras de mostras de aldea do pais organizadas por hiperactivos enteradillos, porque en Pardiñas tamén se fai negocio, e se fan proxectos, e xantan xuntos os que o ano que ven ou dentro de dez anos, van darlle á xente algo novo para entretelo tempo.

E preciso puntualizar, que unha das cousas que máis aparece nas fotografías, vídeos, e recortes de prensa da Feira e Festa, non é o escudo de Xermolos, senón que o denominador común sempre foi, o xeito diferente de facelas cousas. O segredo da Festa é este, o xeito diferente, xa que o obxectivo tamén é diferente. ¿Cal pode ser o fin deste despilfarro de traballo, cartos e tempo? Pois o fin reflictese nos feitos, o maratón, a misa, as merendas, as exposicións de pintura, escultura, fotografía, artesáns, os tenderetes de argalladas, os chigres, e os concertos por citar algunhas cousas. A festa vai tomando conciencia de si mesma nestes anos e reforza a súa teima de ser un espacio para todos, unha xuntanza comunitaria, que derrube as invisibles barreiras que impón o noso modelo de sociedade, e por iso o rango de idades e tan variado como as vestimentas, atopamos xente de tódolos niveis culturais, e ninguén se sinte nunha feira extraña, porque todo o mundo considera que tamén forma parte do milagre por ter asistido, axudado a enchelo campo, e bailado para que outros tamén bailen. Cos anos adquirese certa sensación de ser imprescindible, de estar ofrecido. Por iso a catedral do trangallo, ten tantos fieis, e peregrinan o primeiro fin de semán de agosto menos nos xacobeos que estan esparrexidos. Aquí dase o xúbilo tódolos anos, purificanse as almas tódolos anos, e co románico de pinos e carballos, dáselle cobixo a todos. Celebración, negocio e necesidade fan que a Feira e Festa da Música e da Arte faga de ponte entre artesáns e público, entre músicos e ointes, entre os vellos e os que están a medrar, entre o que teñen casa, e os que viven nunha furgoneta. Entre os das parroquias de todo o país. Entre a natureza e a tecnoloxia. A Feira e Festa leva criados unha chea de fillos deste xeito, e agora xa ten netos.