Espertar un sábado da primeira fin de semana de Agosto non ten ningún parecido con espertar calquera outro sábado do ano. Sabes que no festival vas a encontrarte con vellos coñecidos, e con outros que están por coñecer ¡Qué triste sería non coñecer endexamais a ninguén!. Por iso, esa mesma mañá queda descartado calquera espacio que puidese ocupa la tristura. As posibilidades de recoñecer coma "irmáns" os teus conxéneres, a liberdade e a creatividade, multiplícanse en Pardiñas.

Non é doado explicar porque o "cara a cara", as relacións entre iguais non se dan en tódalas situacións, pero aínda é máis complexo explicar porque eso si acontece en Pardiñas. En cantas ocasións ó coñecer alguén que ten pasado polo festival, a primeira observación que che fan, é dicir, o que máis lle chamou a atención do que para el supuxo a experiencia de acudir a Pardiñas, foi precisamente a inexistencia de ataduras e de coercións que se vive e respira aquí. Podería ser o feito de que o festival sexa producto da colaboración desinteresada dos veciños e mailo espírito xuvenil que o atravesa, ou a falla dunha organización ríxida que diga quen ten que mandar sobre quen, o que sorprende a tódolos que algunha vez acudiron a axudar e que posibilita e aumenta as relacións comunitarias entre os presentes.

Hai un par de anos déronme a posibilidade de facer un traballo académico que tratase dalgunha organización que coñecese "por dentro". O primeiro que pensei foi en facelo sobre Xermolos para poder falar das persoas que se xuntan e coordinan para realizar un traballo tan complexo coma realizar un festival das dimensións do de Pardiñas, e todo elo sen necesidade de conformarse coma unha "organización" coas súas xerarquías típicas. Temos que transmitirlles a tódolos rapaces do concello de Guitiriz e arredores, que co seu traballo fan posible a preparación do festival, que colaborar con Xermolos non é o "perde lo tempo", que non é unha tarefa aburrida coma tantas outras. Esas tardes de verán non se ocupan cun traballo rutineiro no que a túa opinión non conta para nada, senón cun variado número deles nos que a cooperación coa xente da túa mesma idade é fundamental. Atopaste con xente coa que vas compartir moitas ideas, experimentas momentos que seguramente formarán parte da túa bagaxe persoal para toda a vida. Nada máis afastado dunha administración burocrática ou de ordenacións xerárquicas pouco maleables ca Xermolos.

Se traballar no festival non producise unha satisfacción intrínseca a propia tarefa realizada, se todo traballo só ten sentido se nos agarda unha recompensa posterior, por exemplo en forma de cartos, ¿cómo se podería explicar ca primeira vez que un madrileño acude ó festival acabe participando na recollida da amplificación e as luces do palco o domingo ás catro da mañá? Por non falar da xente das Pontes de García Rodríguez, que saben saborear o festival e ó mesmo tempo nunca deixan de botar unha man cando se lles pide. E así para tantas outras persoas que tan só coa súa actitude positiva, dispostos a axudar na medida das súas posibilidades na fin de semana do festival, ou nas anteriores semanas de preparación, fan posible que este chegue a bo porto.

E canto podemos dicir da apertura que se vive en Pardiñas ás culturas de fora: Qué outro festival baseado na música da terra trouxo algunha vez grupos caribeños de salsa, norteamericanos tocando a música popular do seu país, italianos homenaxeando a músicos xitanos coma Django Reinhardt, ou finlandesas que fagan vibrar os alí congregados coas súas voces, por suposto cantando no seu propio idioma. Cómo pode ser que un toledano faga o deseño dos carteis que se poden ver por toda Galicia. Xermolos e o festival de Pardiñas parten da Terra Chá sen quedarse pechados nela, buscando o que hai de común nos homes e mulleres para así poder chegar a tódalas persoas.

Boa proba do dito é que o festival de Pardiñas é o lugar onde sabes que has de atopar por vez primeira no verán a eses amigos ca emigración, sempre a emigración nesta terra, non che permite ver máis ca un par de veces ó ano. E alí poderás preguntarlles con vagar que tal lles vai a súa vida, sen ter que atender a outra cousa que non sexa a contestación que che van dar, deleitándose mutuamente da presencia do compañeiro/a. E descubrirás cá uns vailles mellor cá outros, cuns queren volver á terra, mentres que a maioría non poden. Que casaron cunha persoa de fóra da terra, porque afortunadamente o entendemento non se dá só entre a xente que naceu nun mesmo lugar, por moitas barreiras que algúns se empeñen en pór entre os pobos.

Comerás con bos amigos: Cómo se pode afrontar unha sardiñada con xente coa que non existe harmonía, iso non é posible. Non hai acto que cree máis comunidade ca un bo xantar, como xa sabían os primeiros cristiáns. A colaboración é imprescindible dende a preparación das viandas ata o seu acabamento. Non existen moitos rituais máis belos caqueles que se dan na mesa: pasarlle o pan ó teu veciño/a de cadeira é moito máis que alongar o brazo na procura dunha masa de fariña, auga e sal cocida. É un acto de solidariedade e compañeirismo que reforza os vínculos entre tódolos presentes máis alá da situación que se produce na mesa, ou se é o caso no mantel.

E todo elo no incomparable marco que proporciona o Balneario de Pardiñas. O festival non sería o mesmo se a pequena chaira na que se atopa o campo da festa estivese asfaltada, os magníficos carballos se sustituisen por farois, ou os postos de artesanía non estivesen feitos coas xestas e a madeira que nos regala a natureza. O festival de Pardiñas non está pensado para aqueles que odian ensuciarse, fanáticos da artificial e falsa asepsia que se vive nas cidades ¡Cómo se os microbios non fosen necesarios para que a vida se manteña! Pardiñas está máis preto do mundo orgánico, das relacións de simbiose entre animais vivos. Non busquedes aquí relacións petrificadas por normas arbitrarias, xeitos de facer as cousas que se podan reducir ó mero cálculo económico porque ides levar unha gran decepción. Non se pode facer que un festival se reduza á contía das subvencións, ou do presuposto total, sen que as súas intencións tamén queden limitadas a acadar un número cada vez maior de espectadores, en realidade de simples clientes que valen tanto coma os cartos que levan no peto. Trátase dalgo máis cunha xuntanza de individuos que van ver a tal grupo, ou que simplemente se achegan para ve lo ambiente, ou peor aínda, o número de xente que se conseguiu congregar. En Pardiñas pode un inzar os pulmóns da fraternidade entre os homes e destes coa natureza, que xa non é esa inimiga que segundo sire Francis Bacon tiña que domearse, recorrendo ós métodos máis brutais se fose necesario. A natureza, o home mesmo, non é un instrumento en mans doutros homes que buscan o seu propio beneficio sen ter en conta o que son ou como se manexan os medios dispoñibles. Bo exemplo disto é a forma de apaña las xestas, sempre deixando a cantidade necesaria para que ó seguinte ano non existan problemas por falla delas. ¿E non son todas estas condicións fundamentais para poder chamar "humana" a unha sociedade? Cabe preguntarse entón porque teñen que ser as situacións fora do cotián aquelas nas que é máis doado conseguir aquilo que se presume que se dá no contacto habitual entre as persoas: As relacións libres entre iguais.

Ben saben todo isto os músicos e artesáns que procuran dentro das súas posibilidades axudar ó festival.

Non debemos esquecer que estamos a falar do festival de música galega con máis edicións as súas costas, a pesares de tódalas dificultades que se foron presentando ó longo dos anos, e polo tanto dun dos máis prestixiosos. Nomea algún dos grandes músicos que produciu Galicia no último cuarto de século e podes estar case seguro de que pasou por Pardiñas nalgunha das súas edicións. Dende Milladoiro a Amancio Prada, pasando polos Resentidos, poucos faltaron a cita. Pero non todo se reduce ós nomes xa establecidos; Tódolos anos, grupos de recente formación acoden a Pardiñas, que segue sendo un lugar cun significado especial para as novas fornadas de músicos do país con memoria, coma é o caso de Xosé Manuel Budiño. O mesmo podería dicirse doutros provenintes de fóra coma Kepa Junkera, un namorado de Pardiñas ó que cabe loar o esforzo que lle supuxo vir por segunda vez hai uns poucos anos. Algo do que poderían tomar exemplo outros músicos de renome, se como din para eles a arte é máis importante co diñeiro.

Quizais sexa a falla de apoio, mesmo a hostilidade, dos organismos públicos o que fai do Festival de Pardiñas unha expresión viva da liberdade e a comunicación entre persoas que non se consideran a si mesmas mellores ca ninguén. Quén sabe, e sobre de todo ¿Qué importa?