Imprimir

Á atención de Noso Señor San Pedro
Enderezo.- Ceo dos Galegos
Destino.- O máis alá

mm_xulio_xizPrégolle, Señor San Pedro, que entregue esta carta ó seu destinatario. Púxenlle o enderezo que a nós nos parece máis axeitado, aínda que por ahí enriba as referencias cartográficas ou xeográficas non sexan as mesmas.

Para nós, o ceo dos galegos está nun extremo, hacia occidente. O ceo é azul e branco. Alí, aínda chovisca abondo e por eso hai o verde que hai. E dentro dese ceo dos galegos, que moitos hai porque moitos o mereceron ata agora, agradézolle que busque unha comarca case no centro, ampla, cha, moi fermosa, que nun dos extremos ten unha torre octogonal... que está plagada de lagoas con augas santas e misteriosas... e ten diveros puntos sensibles adicados a santos e santas da nosa devoción. Todos, por certo, ben coñecidos polo destinatario.

Se o nome – Manuel María- non lle sona, os feitos seguro que sí. Elle ese home elegante, de porte rexo, de cabeza noble, prateada, que anda a parolar cos paisanos celestiais, explicándolles que se ahí é o ceo, aquí abaixo, tampouco é mala terra. Que ahí está moi a gosto, pero quen lle dera de cando en cando, vir por acó darlle un pouco de compaña a Saleta e fumar un cigarriño cos amigos ás agachadas.

A carta, ou lla da en man ou lla le, que é o mesmo. Di así:

Benquerido Manuel:

Non é que eu sexa home de fe inquebrantable nas regras que rexen nese mundo do alén, pero eso sí estou seguro de que esta carta hala recibir e as disfrutar tendo noticias nosas.

Agardo que ó recibo desta esteas moi ben na nova terra que poeticamente señoreas; nós, aquí, sen mala novedad. Sen a túa presencia física. Coa túa presencia poética, e polo tanto anímica. Ricos en letras e ideais por posuidores –herdeiros- da máis preciada herdanza que puideches deixarnos.

Saberás que en Pantón, que desde hai ben tempo goberna o noso común amigo Ledo, lémbranse de ti e organizaron un acto precisamente para manifestalo publicamente, e van da-lo teu nome a unha rúa, e segues presente.

¡Que sorte, Manuel, ter amigos que te lembran!. Por eso non te fuches; por eso segues entre nós.

Por eso, porque non te fuches, e tes casa aberta en todo Galicia, hoxe viñeron verte e falarche á túa casa en Pantón Lois Diéguez, Alfonso Blanco, Luis Rodríguez Miguez, Manuel Rajo, Paco Martín, Flora Enríquez, e Camilo Gómez Torres, e mentras eles falan de ti, da túa amizade, da túa obra, da túa presenza, eu entretéñome en escribirche unha carta que aínda que é xénero en decadencia, segue sendo moi válido para que dúas persoas que teñen algo en común se paren, unha a escribilo e contalo, e outra a escoitalo e lelo.

Perdoa que esta carta a mande interposta, porque non sei moi ben como funciona o correo directo por esas terras.

Todos os que aquí falan de ti teñen coñecementos e experiencias para falar con propiedade sobre o teu paso pola vida terrea. Eu, que non teño os coñecementos abondos para analisa-la túa obra, quédome coa amizade e co impacto que na miña sensibilidade producía cada un dos teus versos... Algúns, ferían como balas. Outros, agarimaban como pombas. Outros, en fin, e esto é especial para chairegos, eran –como moi ben analisou Xosé Lois García- pedras angulares da nosa pequena patria, Libro sagro, Antigo testamento da nosa tribu; conxunto de libros sagros maxistral, maxestuoso, máxico, que segue a ser norte para tódolos que cremos que a poesía pode mover mundos, crear mundos, e habitamos onde o mundo gracias a ti se chama “Terra Chá”.

Como ben sei que non perdes ollo do que aquí pasa non terei que contarche nada do que de ti se di. E se algunha palabra perdes por algunha interferencia celestial, xa á noite Saleta che contará con detalle todo o que queiras saber.

O que é a vida... Antes, cando falabamos, o normal é que ti mandases unha aperta “para a compañeira”, e eu che encargase darlle un bico a Saleta. Hoxe, amigo, o bico dareillo a Saleta aquí, en Pantón, e a miña muller mándache unha aperta desde o recuncho que ti coñeces no corazón da Terra Chá.

E nada máis. Dalle moitos saúdos a todolos amigos comúns... Unha entrañable aperta a Díaz Castro, para o que queremos un “Día das Letras” xa; outra para o benquerido Fiz Vergara, outra para Uxío... e ti recibe deste amigo que o é, –e de tódolos que andan por aquí, chegados a Pantón no teu nome, e residentes nesta fermosa terra, unha fortísima aperta.

Por sempre, amigo. E para sempre.