encontros_seivane

                     

  

                                                                                                   XVII encontro na Terra Cha

 

  SEIVANE MESTRE                                                                     

"O noso amigo Xosé na súa febleza foi tan grande que espallou polo mundo adiante a fidelidade a Galicia, a través da súa arte coma gaiteiro e constructor de gaitas... E sobre todo, coma dinamizador da nosa cultura, sen traicionar endexamais o espirito do pobo... Loitou ata o derradeiro salouco por esta emoción, a música que levaba dentro. E abofé que cumpriu. Traballou para que o noso pobo medrase en cultura e identidade."

"Seivane foi un autodidacta, que se fixo a sí mesmo, sen adular a ninguén, sinxelo e humilde, empurrado ata o final polo seu talento e xenerosidade, e foi convertendose nun mestre total, porque endexamais rexeitou as raíces que mamou. O seu traballo, a súa cultura, cimentáronse na fidelidade ó pobo de seu. Sempre foi agradecido á sensibilidade que recibiu dos seus país... Foi un profesional que transmitiu toda a nosa cultura. Coa súa obra, Xosé contaxiaba todo aquelo no que cría, e hoxe as súas gaitas son sinais do noso ser diferentes, e reflexo da súa ética e compromiso en todos os recantos do mundo, e él segue entre nós".

"A autoridade que lle recoñecemos a Seivane é a propia daquel que acadou a facultade de poder transmitir as esencias da nosa música, sen falsía. Unha autoridade que recibiu do corazón do pobo que se sinte interpretado con nobreza por este mestre. A firmeza da ética de Seivane, é o mellor antídoto contra o desleixo, o alleamento e as traicións que estamos a vivir contra a dignidade de Galicia.

Ese optimismo que o mantivo rexo ata á fin, é a mellor invitación a deixarnos animar polo seu espírito loitador. Seguindo o seu exemplo, tamén temos que comprometernos coma el, para que os sinais do noso pobo sigan vivos".

Xose_Manuel_Seivane_Rivas

"É verdade que nos convocou a súa morte, pero o que temos que celebrar é a súa vida, ateigada de entrega, creatividade, facer as cousas ben, porque outra Galicia é posible. Imos marchar ás nosas actividades, aquí estamos xente de todas as comarcas, máis convencid@s de que paga a pena traballar por un destino máis digno do noso país, que aquel que nos queren impor dende a ignominia".

"Dende aquela primeira gaita que lle agasallaron os seus país, engaiola que Seivane fose capaz de arrincarlle todas as súas posibilidades, a súa enerxía expresiva. Era un artista, un mestre, que gañou a súa catedra dende a liberdade, non a recibíu de ninguen, foi pioneiro na busca da verdadeira música tradicional.

E transmitiu esta paixón e compromiso ós fillos, netos, bisnetos..., porque vivía o seu labor con esta intensidade e sinceridade, ficando na nosa identidade sen fases de sombra, sempre en plenitude coma morreu".

 

Palabras pronunciadas por Alfonso Blanco na despedida do patriarca Xosé Seivane, o 29 de xaneiro, en Ribeira de Piquín