Cultura e Educación e o Concello de Guitiriz colaborarán para difundir

a obra e a figurado poeta Xosé María Díaz Castro

Difundindo a obra de Díaz Castro

 


A celebración das Letras Galegas 2014 centrou a reunión que o secretario xeral de Cultura e o alcalde de Guitiriz mantiveron hoxe na vila natal do escritor lucense, ao que a Real Academia Galega lle dedica o próximo 17 de maio

Guitiriz (Lugo), 12 de novembro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Guitiriz colaborarán en 2014 para difundir e poñer en valor a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o próximo ano as Letras Galegas. Así o anunciou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tras a reunión de traballo que mantivo en Guitiriz, vila natal do poeta, co alcalde do municipio, José María Teixido, e coa concelleira de Educación, Cultura e Servizos Sociais de Guitiriz, María Manuela Carballeira.

Avanzar no acordo de colaboración entre a Consellería e o Concello para a celebración das Letras Galegas 2014 foi o obxectivo desta xuntanza, na que tamén participaron Alfonso Blanco e Xosé Antonio Cascudo, en representación da asociación guitiricense Xermolos, coa que Díaz Castro mantivo unha estreita vinculación nos últimos anos da súa vida. Así mesmo, asistiron ao encontro Luís González Tosar e Armando Requeixo, especialistas na obra do escritor.

Contribuír coa difusión do autor homenaxeado

Co fin de contribuír á proxección e á conmemoración cidadá dunha data tan sinalada para a cultura galega como o Día das Letras Galegas celebrada de maneira continuada desde 1963 a proposta de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo desde a máxima institución académica da lingua galega, a RAG a Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, vén favorecendo unha actividade institucional importante para a maior difusión do autor ou autora homenaxeada.

Neste programa de actividades arredor do 17 de maio, a Xunta de Galicia apoia iniciativas promovidas desde as máis diversas entidades académicas, sociais e culturais, entre as que se inclúen exposicións, charlas, edicións conmemorativas, proxectos audiovisuais e musicais, homenaxes e actos diversos para poñer en valor a lingua e a literatura galegas.