Imprimir

Milladoiro nunha das primeiras edicións do Festival de Pardiñas Finlandia, Italia, Rusia, Cuba, Portugal, Irlanda... Poderiamos estar falando da volta ó mundo, pero non. Facemos referencia ás distintas nacionalidades dos grupos que levan pasado polo Festival de Pardiñas ó longo da súa historia.

Foi alá polo 3 de agosto do 1980 cando a Asociación Cultural Xermolos inaugurou un dos seus proxectos máis cobizosos: o Festival de Pardiñas. Nesta primeira edición déronse cita Saraibas, María Manuela, Xoán Rubia, Xosé Ramón Eiriz e os grupos de Gaitas e Danzas Agarimo de Ferrol.

A esta primeira experiencia seguíronlle novas convocatorias, nas que, ano a ano, se tentou incorporar novidades para mellora-la calidade do Festival de música tradicional con máis edicións ininterrumpidas no seu haber. Polo escenario de Pardiñas pasaron grupos e gaiteiros galegos de recoñecido prestixo, coma Na Lúa, Milladoiro ou Xosé Manuel Budiño.

Tamén figuras doutros pobos, coma Kepa Junquera ou os madrileños La Bruja Gata. E por suposto, grandes artistas internacionais, coma Wolfstone, Kalinka, Solas ou Värttina. Pero sobre todo ducias de asociacións culturais que, coma Xermolos, loitan porque non se perda a tradición galega. Sirvan como exemplo Agarimo, Airiños de Fene, Donas e Galáns, Reviravolta... O propio Grupo de Gaitas de Xermolos leva varios anos abrindo o Festival, para darlle a benvida a tódolos que un ano si e outro tamén se pasan pola terra de Pardiñas o primeiro fin de semana de agosto.

A afluencia da xente e a imposibilidade de concentralo todo nun só día fixo que se alongase outro día máis con actividades como a mostra de instrumentos de música tradicional, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

Aínda que falar de Pardiñas nos leve a pensar inevitablemente na música, non é o único que se pode atopar. Conxuntamente coa primeira edición do Festival outorgáronse os primeiros Premios Guitiriz de Pintura, Escultura, Fotografía e Cerámica, e tamén se coñeceron os primeiros galardoados no Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil. Coas obras presentadas a ámbolos dous certames organízase unha pequena exposición na vella Escola de Pardiñas durante os días do Festival.