pardias-efecto

 Soñamos e matinamos que todas e todos os que decidimos ir a Pardiñas, somos artistas nalgunha faciana da vida, por iso, lanzamos aos catro ventos esta consigna:

 FAGAMOS PARDIÑAS MÁIS FERMOSO COAS NOSAS CORES, FORMAS, RECENDOS, OLLADAS.

 Pardiñas é un océano de beleza e amizade, capaz de enchoupar todo o país, de nova enerxía…

 Queremos mergullarnos neste mar, para saír da festa, transformados e máis inspirados, con novo pulo, para converter o camiño da vida de nós, nunha fervenza de emocións, sentimentos, sorpresas…

A fonte de Pardiñas, non vai esgotarse. Pola contra, vai multiplicarse e espallarse, con máis luz e unión, en miles de surtidores de augas limpas e fecundantes, que saltan ata os recunchos do mundo, máis afastados. Esta fin de semana vai ser coma unha fervenza que vai refrescarnos para toda a tempada… Un chapuzón tan poderoso no balneario, vai reforzar a nosa saúde coma festeiras e festeiros, pero tamén a saúde de todo o colectivo, grazas a este baño na nai natureza.
Queremos incentivar aínda máis a participación no Festival, con plataformas para espertar os recursos e sensibilidades dos asistentes, nun Festival que naceu como unha festa viva e dinámica, na que teñen espazo todas as artes.
Buscamos a implicación de todas e de todos, máis ca espectacularidade pasiva na que rematan moitos acontecementos musicais. Isto supón un esforzo engadido de organización e atención nos dous días do Festival, antes e despois.

FAGAMOS PARDIÑAS MÁIS FERMOSO COAS NOSAS CORES, FORMAS, RECENDOS, OLLADAS.

 Na liña do Festival, “Feira e Festa da Música e da Arte”, a Asociación Xermolos, quere arrequecer coa creatividade e a participación este acontecemento cultural, fronte á masificación. Queremos que todas e todos os que imos de troula ao Festival, deixemos a nosa pegada nestes días de festa, co noso xeito de ver a vida. Así, podemos compartir o maxín, as mañas e habelencias, a arte de todas e todos