Este é un obradoiro onde cada quen aprende a fabricar os seus propios xoguetes ou instrumentos ó igual que o facían os nenos de antes, cando non había o mercado nin as posibilidades que hai hoxe en dia.

Neste obradoiro pódense facer instrumentos a partir de materiais como a cana, pólas de salgueiro,castiñeiro ou loureiro,noces, abelás, tocar con follas de hedra ou limoeiro,etc.

Nun tempo de dez ou quince minutos podemos fabricar instrumentos como castañetas de cana, reco- reco,asubios de aveneiro,pitos de loureiro, asubios de cana,caralletes de noz, pipas de castiñeiro,mirlitóns de cana,etc.

Moitos destes aparellos foron usados ben como xoguetes, (cando o que se trataba era de facer barullo con eles para xogar)ou como instrumentos ou inicio a outro instrumento,como é o caso das gaitas de cana, pipas de castiñeiro ou gaitas de alcacén.

Gran parte dos instrumentos presentados neste obradoiro foron recollidos a xente maior, principalmente a gaiteiros.

A continuación unha breve mostra dos instrumentos a construir.

  • Reco- reco: consiste nunha cana duns 2,5 ou 3 cm. de diámetro e uns 15 de longo na que imos facer en toda a cana uns rebaixes cunha separación de un ou dous cm. despois cunha variña ou caniveira de menos grosor, frótanse estes rebaixes para acada-lo son e crear ritmos.
  • Asubío de avelá: para a fabricación deste instrumento, hai que facer un rebaixe na casca da avelá ata chegar ó interior. Logo valeirase a casca e ó soprar polo furado, obtense o son.
  • Carallete de noz: este é un instrumento de percusión fabricado con media casca de noz á que imos fixar unha varilla de cana cun sedal ou fio forte. Ó retorcer este fio, créase un resorte. Sostendo a noz cunha man e batendo cos dedos sobre a varilla prodúcese o son.
  • Mirlitón de cana: é unha cana grosa duns 10 ou 12 cm. de longo e 2 de diámetro.
    Na metade da cana faise un furado de 1 cm de diámetro e logo tápase un dos extremos con papel de cebola ou celofán. Ó cantar polo furado que fixemos anteriormente vai resultar un son ben parecido ó dunha trompeta.
  • Gaita de cana: cunha cana de 1 cm. de diámetro aproximadamente e duns 15 cm. de longo e logo de limpala ben por dentro, facémoslle seis furados. Despois a outra cana duns 5 cm. de longo e 7 ou 8 mm. de grosor facémoslle unha lingüeta que é a que vai produci-lo son. Introducindo un extremo desta cana máis estreita dentro da máis grosa xa podemos comenzar a facer melodías con ela.