Nesta edición o pregoeiro é unha das personalidades literarias máis sobranceira das nosas letras: Xosé Neira Vilas, que naceu o 3 de novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra.

Nos tempos difíciles da ditadura emigra con 20 anos, e o 10 de febreiro de 1949 arriba a Buenos Aires, despois dunha longa travesía no Cabo de Boa Esperanza, onde estuda polas noites, ao mesmo tempo que traballa coma empregado dunha casa de tecidos, unha panadería e unha fábrica de madeira...

Realiza estudos de perito mercantil, música, xornalismo, literatura. Todo arrequentado por amplas lecturas. Na capital de Arxentina participa nun dos momentos máis importantes do compromiso con Galiza. Toma conciencia da súa identidade, en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela… Estaban a continuar o traballo doutros galegos e galegas como Castelao, que morrera nesta cidade e ao que Neira Vilas dedicou algún traballo, e que ten confesado: “non cheguei a coñecelo pero a súa marca estivo presente ao longo de toda aquela década en todos nós. El foi o que nos deu o alento fundamental para seguir adiante. Alí publica Sempre en Galiza, moitos dos seus discursos, o texto do primeiro Estatuto de Autonomía, estréase Os Vellos non deben de namorarse,... Pero a súa importancia radica sobre todo no maxisterio que levou a cabo nos seus anos de emigración, e que marcou non só a aqueles que o coñeceron de xeito persoal e directo senón que a súa influencia mantívose a través daqueles aos que ensinou”.

pregoeiro_festival_1 O noso pregoeiro desenvolve un intenso activismo cultural, pero tamén unha afirmación política sen crebas, e funda no 1953 con outros mozos galegos ou arxentinos de ascendencia galega, as Mocidades Galeguistas, nas que sería Secretario Xeral, e co-director do periódico Adiante, voceiro daquelas inquedanzas galeguistas. Hai agora 50 anos participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega en América, celebrado en Buenos Aires. Neira Vilas escribiu daquela "Brindis", cos debezos de ver unha Galiza libre, que o escritor xa estaba a vivir naquela luzada que era Bos Aires, Montevideo, Cuba, naqueles anos: publicacións, certames, proxectos politicos e sociais, e é nesta fervenza que o mozo de Gres coñece e comprométese co seu pobo para sempre, pois Galiza estaba soterrada nunha “longa noite de pedra”.

Publica en moitas revistas na Galiza emigrante: “Opinión Galega”, “Galicia”, “Lugo”, “Galicia Emigrante”, “Alborada”, “Eufonía” entre outras. Casa no 1957 con Anisia Miranda, cubana, filla de galegos, que estaban a vivir as mesmas arelas. O mesmo ano no que fundan a organización libreiro-editorial "Follas Novas" para difundir o libro galego en América, unha empresa fundamental para espallar a nosa cultura. Publica en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego.

Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van residir a Cuba, durante 31 anos, onde escribe a maior parte da súa obra literaria. Traballa na Administración e fai xornalismo literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, traballou como redactor-xefe da revista infantil Zunzún e colaborou en Bijirita, revistas infantís cubanas. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da emigración galega neses e noutros países de América, e deu a coñecer diversos libros arredor do tema.

Dende o 1992 vive con Anisia, escritora e xornalista, en Gres, a súa aldea natal, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.

Académico da lingua, foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Premio da Crítica Española 1978 (narrativa) e Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra (1986) e Celanova Casa dos Poetas. Parte da súa obra foi traducida a outras linguas.

O LIBRO MÁIS LEIDO DAS NOSAS LETRAS é a súa primeira novela: Memorias dun neno labrego.(Bos Aires 1961), no 1999 xa acadara vinte edicións e moitas traducións.

Balbino, o protagonista, é un neno que viviu nunha aldea polos anos corenta. Nun sinxelo caderno de escola escribe as súas dores e reflexións como unha maneira de fuxir do pechado mundo no que vive: "Eu son ... Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen di, un ninguén".

Memorias dun neno labrego (Follas Novas, 1962) conta con moitas edicións e traducións, así, a editada polo Castro, 1968, con ilustracións de Díaz Pardo; Akal, 1978 en O ciclo do neno. En castelán: Memorias de un niño campesino (Júcar, 1974) e na Habana: Arte y Literatura, 1978. En catalán, euskara, portugués, alemán, etc…

Pero son varias as novelas que ocupan un lugar sobranceiro na nosa literatura, así o "Camiño bretemoso", soñado e redactado naquel momento intenso na traxectoria vital e creadora de Neira Vilas, arredor de 1961. e rematada xa en Cuba, 2 anos despois, ainda que foi publicada en Galiza en 1967, a diferencia das Memorias dun neno labrego, o protagonista é un vello, que lembra a súa vida de aventura na Patagonia arxentina.

Neira Vilas escribe tamén "Remuíño de sombras", "Xente no rodicio", "Aqueles anos de Moncho", "Historias de emigrantes", "Querido Tomás","Lar", "Nai", "Pan","Papeis", "O home de pao".

A emigración é unha constante no universo literario de Neira Vilas: narrativa, ensaio e poesía. Remuiño de sombras principiao en Bos Aires e remátao en Cuba, onde o autor denuncia a traxedia desta situación de tantas familias galegas, que el mesmo estaba a vivir. Fala de todas as súas inquedanzas e incidencia, sempre co mesmo telón de fondo. Os dramas persoais que el ía coñecendo, nun estilo literario dunha grande altura, na que deita unha sinxeleza que cativa ao lector. Escribe naquela lingua que mamou na súa infancia en Vila de Cruces.

Os seus libros son unha testemuña vital para coñecer este filón da vida de Galiza, sempre entre a realidade e a ficción. Tanto nos contos como na poesía, o seu autor achega a súa vontade de transformar e mellorar o país e deste xeito a humanidade.

pregoeiro_festival_2Dentro da narrativa hai que remarcar os libros de contos para nenos: "O cabaliño de buxo","Espantallo amigo" (Celta 1971, traducido ao castelán en La Galera en 1972),"A marela taravela", e outros.
Os libros de Neira Vilas son unha xoia non só literaria, tamén na súa presentación, sobre todo debido ás súas ilustracións, así as de Luís Seoane en Cartas a Lelo (Castro, 1971), O cabaliño de buxo (Castro, 1971; 1978), ilustrado por Xosé Díaz. A Marela Taravela por Cristino Zarza (Celta, 1976) e Aqueles anos do Moncho con ilustracións de Laxeiro (Akal, 1977; 1978 en O ciclo do neno, tamén traducido ao castelán: Aquellos años de Moncho, en La Habana: Arte y Literatura, 1982.

Sempre coidou a presentación das súas obras: Contos vellos para rapaces novos, por varios autores (Castro, 1983). De cando o Suso foi carteiro (Castro, 1988) e Chegan forasteiros (Castro, 1992), os dous ilustrados por Xosé Vizoso-Castro.

Ten creacións en colaboración con Anisia Miranda, como Cantarolas, ilustrado por Mª Fe Quesada.- Edic. Xerais, 1995.

No ensaio conta con obras que naceron da súa experiencia coma emigrante e persoa moi comprometida co noso pobo, libros con reportaxes e testemuñas, investigacións: "Castelao en Cuba", "Memoria da emigración I, II e III", "Crónicas galegas da América: rolda primeira".

Xa nos últimos anos publicou: Xentes e camiños (Xerais 2005), Dende Gres (Espiral Maior 2004), O sarillo do tempo (Xerais 2004),…

A pesar destes trazos sobre a súa producción literaria, os seus libros son un mundo:

· A muller de ferro
· Galegos que loitaron pola independencia de Cuba
· Guerrilleiros · Historias de emigrantes
· II Festival da Poesía do Condado
· IV Festival da Poesía no Condado
· Lar
· Manuel Murguía e os galegos da Habana
· Memoria da emigración I
· Memoria da emigración II
· Memoria da emigración III
· Memorias dun neno labrego
· Nai
· Narradio. 56 historias no ar
· Novo do trinque
· O cabaliño de buxo
· O ciclo do neno
· O ciclón
· O espantallo amigo
· O home de pau
· O sarillo do tempo
· Palabra por Palabra. Contos da Policía
· Pan
· Poemas pola memoria (1936-2006)
· Poesía recadada
· Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. I)
· Prosas Varias
· Querido Tomás
· Relatos mariñeiros
· Remuíño de sombras

· Rosalía de Castro e Cuba
· Tempo novo
· Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996)
· Xente no rodicio
· Xentes e camiños
· A prensa galega de Cuba
· A semente aquecida da palabra
· A marela Taravela
· A lingua galega en Cuba
· Aqueles anos do Moncho
· Camiño bretemoso
· Cantarolas
· Cantarolas e contos prá xente miúda
· Cartas a Lelo
· Castelao en Cuba
· Charamuscas
· Chegan forasteiros
· Construír a paz
· Contos vellos para rapaces novos
· Crónicas galegas de América (Rolda primeira)
· Crónicas galegas de América (Rolda segunda)
· Crónicas galegas de América (Rolda Terceira)
· De cando o Suso foi carteiro
· Dende Gres
· E dixo o corvo...
· Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires
· Elexía para un poeta
· Espantallo amigo
· Galegos no golfo de México