O Festival de Pardiñas busca a comunicación entre todos os elementos que forman este acontecemento musical e cultural, o obxectivo é o encontro directo coas artes, por iso é Feira e Festa da Música e da Arte, queremos imbricar a todos os que comparten estes días no Balneario de Pardiñas na trama do festival, refugamos a masificación e percuramos a presenza e o coñecemento vivo e persoal das e dos creadores.

Pardiñas multiplicase nunha fervenza de tempos e espazos, cada un co seu ritmo e forza emocional.

Todo principia o sabado, 6 de agosto, ás 18 horas:

Coa XII MOSTRA DE ARTESANOS DE INSTRUMENTOS de música tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, onde podemos disfrutar do traballo e creación de quenes investigan, construen e interpretan os instrumentos de varios pobos. Teñen un escenario aberto a todos onde espontaneamente van alternando diferentes interpretacións: solistas e grupos…, pois moitos dos artesanos son tamén constructores e intérpretes de grupos de música tradicional. Pero tamén hai actividades puntuais nesta mostra: seminarios sobre historia de instrumentos, danza tradicional, etc,, e nesta edición: O pregón de Uxia Senlle, música comprometida en todos os eidos co noso pobo. Concerto de Xabier Blanco de Moaña autor de discos como "Instrumentos pobres", que está recuperando vellos utensilios cos que os nosos antepasados facían música, así como "A gaita de cana de Moaña", titulo do seu primeiro disco

Noutros espazos de festival están a traballar na XXVI MOSTRA DE ARTESANIA: zoqueiros, canteiros, fiadoras, etc.

A CASA DAS ARTES é outro dos recantos prodixiosos de Pardiñas, alí podemos bailar coas cores, formas, materiais…, das exposicións de cantería, pintura, fotografía, escultura. Sen esquecer a exposición de debuxo infantil na que participan máis de 40 colexios.

Xa na noite o primeiro FESTIVAL DE PARDIÑAS, no esceario máis grande, que vai abrir o grupo de gaitas Xermolos, da Asociación organizadora deste evento, despois bailaremos co rock asturiano de Dixebra, un grupo comprometido a tope coa problemática social de Asturies e con 8 discos que mostran a súa forza. Foron dos primeiros en introducir a gaita na música rock. Les Batinses de Quebec mesturan estilos modernos sen perder as raíces do seu pobo, entre o folk e o rock crean un directo moi intenso, xa de mañanciña Lamatumbá que fará estoupar Pardiñas co seu lume contaxioso.

O domingo 7, sen descanso nin tregua, segue a festa con grupos de gaiteiros coma Mistura da Mariña de Lugo, e na MOSTRA DE INSTRUMENTOS vén o concerto de A Gaita de Sarandón que están a recuperar a requinta na súa comarca do Ulla.

Xa ás 6 da tarde é o tempo da literatura co pregón do vello galeguista Avelino Pousa Antelo.

Os escritores entregan os premios do XXVI CERTAME TERRA CHA DE LITERATURA E DEBUXO INFANTIL ós máis novos e mesmo presentan unha revista adicada a este festival.

Tamén unha lembranza especial ó escritor MANUEL MARIA, sempre na primeira liña de Pardiñas, na voz e na palabra de Xurxo Souto. Unha exposición de fotografía: "Manuel María e Pardiñas" ilustra esta presenza.

Xa a tardiña o segundo gran festival no que tamén teñen o seu tempo os grupos que están a principiar, é unha constante de Pardiñas, así Nus de Escairón e tamén coa participación de Felpeyu de Asturias, a mellor música folk en bable, Os Diplomáticos que xa estiveron noutras tres edicións, veñen agora a despedirse despois de 15 anos de creación e compromiso, e para rematar Alann Bique con queimada incluida para desconxurarnos de todos os males e eivas e que sigamos disfrutando da música e da cultura mil veráns máis.