Uxía Senlle

A Asociación de Gaiteiros Galegos pensou en Uxia Senlle, non só pola súa achega á músca, senón tamén polo seu compromiso con Galiza, dende aquí abrimos á nosa casa que é este santuario da natureza e da amizade que é Pardiñas a esta muller senlleira. Participou nunha edición do Festival co grupo Na Lua, tamen daquela comarca do Porriño, deleitandonos coa súa voz e comunicación dende o esceario

Xermolos sentiuna máis preto na loita contra as consecuencias do Prestige, que foi unha das nosas páxinas de solidariedade, fomos varias fins de semana a limpar as rochas do Roncudo de Corme, de Laxe, de Muxía… Colaboramos coa "Plataforma contra a Burla Negra" organizando un concerto no que actuaron o músico Miro Casabella, que xa fora unha das primeiras actuacións da nosa asociación hai case 30 anos, o mago Rafa e o grupo de gaitas de Xermolos, e no Festival de Pardiñas fixemos unha exposición de debuxos de nenos sobre está desfeita, e outra de fotografía. Hoxe agradecemos a forza de dúas persoas que estiveron á fronte de toda aquela manifestación de coraxe e dignidade e que seguen, hoxe nesta edición do Festival de Pardiñas. Uxia Senlle e Xurxo Souto.

UXÍA é unha das voces máis importantes da Galiza de entre súculos, é falar tamén de Uxía Senlle unha das mulleres que con más empeño e carraxe loitaron por atopar un espazo para a voz, para a sensibilidade, para a muller, para o femenino plural e, por suposto para a música cantada e interpretada no noso idioma. Uxía é, sen dúbida, o referente vocal máis importante da actualidade en Galiza.

Confesase Uxía amante da tradición, pero dunha tradición con vida e con esencia, unha tradición que evoluciona cos tempos, que se fusiona e mestura con outras culturas buscando sempre a riqueza na diferencia, nunha viaxe do particular ó universal. A súa condición de raiana (fronteiriza) levouna sempre a manter unha man tendida cara Portugal e cara a súa cultura.

uxia_1Uxía Dominguez Senlle é unha das vocalistas femeninas máis significativas no eido da música galega. Iniciouse no mundo da música moi cedo, tendo contacto con diversos tipos de música, mais interesándose especialmente na de Galicia. O seu primeiro disco, do ano 1986, escomezou xa a traballar sobre o repertorio tradicional. Algún dos músicos que con ela grabaron nesa ocasión formaban parte do grupo Na Lúa que interveu en varias edicións deste festival. Desta colaboración xurdiría a incorporación de Uxía no grupo e co que grabaría dous discos.

Posteriormente retomou a súa carreira en solitario grabando Entre Cidades, fora da estética folc. Non sería ata 1995 cando editase o que se pode considerar o seu traballo máis significativo: Estou Vivindo no Ceo.

Dous traballos continuarían o percorrido desta cantante: La Sal de la Vida, (en colaboración coa cantante sudanesa Rasha, a castelá María Salgado e galego Xesús Pimentel na guitarra flamenca) e Danza das areas, ata este momento o seu último lanzamento.

A música de Uxía baséase fundamentalmente na súa voz, en arranxos musicais coidados e en textos poéticos medievais e contemporáneos ou en pezas tradicionais do repertorio galego.

A cantante porriñesa ten unha ampla proxección internacional. Ten dado concertos en Portugal, Alemania, Arxentina, Cuba e outros países, algúns deles en espectáculos compartidos con outras cantantes. Subliñar a especial relación que mantén con músicos portugueses coma João Afonso, Júlio Pereira, Zezo Ribeiro ou o grupo Frei Fado d'el Rei. Tamén indica-la súa presencia en actos de reivindicación social.

A súa creación musical é tan universal como a súa traxectoria artistica, así transmitenos toda a súa emoción lírica tanto en poetas medievais ou temas tradicionais, coma en poetas contemporáneos ou a través das súas propias cancións, Uxía presentanos ó longo da súa andaina vital e creativa unha simbiose total entre tenrura e amor, nas súas múltiples formas e expresións, sempre presentes xunto coa reivindicación, sempre constante, do respecto ós dereitos das persoas e dos pobos..

A loita pola dignidade da muller inspirou moitos dos seus proxectos, como galega e como artista; así, podemos salientar Mulleres a viva voz en colaboración con Amalia Rodrigues e María del Mar Bonet. Participa nas mostras luso-galegas Bailía das Frores e Os Sons da Fala coa presenza de músicos de Cabo Verde, Mozambique, Angola e Portugal. Uxia foi a responsable do deseño, coordinación e codirección musical, xunto coa pianista Enma Pino, dun espectáculo de mulleres que xuntou a cantoras dos máis diversos estilos (Leilía, Maria Joâo, Filipa Pais, María González, Minela, María del Mar Bonet e a propia Uxía). En El Festival de Música Popular de Porriño presenta O Cantar das Galegas, un espectáculo conxunto de Leilía e Uxía que colleita un enorme éxito de público e crítica. Uxía representou a Galiza na Expo 98 de Lisboa co seu espectáculo "Nai Terra" e a súa participación no espectáculo da cantora Filipa Pais "Afinidades". Ese mesmo ano foi seleccionada para participar en prestixiosas feiras de música POPKÖLN (Alemania) e no Mercat de Música Viva de Vic (Catalunya) nas que acada un importante éxito. A Concellalía da Muller de Santiago de Compostela lencargoulle no 2000, un espectáculo para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora:"Son delas, o canto das mulleres" no que participaron convidadas por UXÍA máis de dez mulleres cantantes e instrumentistas galegas que representaban distintos estilos e xeracións (Mercedes Peón, Uxía Pedreira, Mª Manuela, Rosa Cedrón, Paloma Suances, Guadi Galego, Susana Seivane, Sonia Lebedinsky etc.)

Nunha publicación escrita coma esta revista, nada mellor que unha mostra literaria de Uxia Senlle, pois é unha artista tamén na escrita, e sobre todo porque este texto marca o tono vital da súa forza creadora, foi a presentación da exposición "Botella ao mar" no Auditorio de Galiza, organizada pola Plataforma contra a Burla Negra…, todo un sinal da loita dos músicos, pintores, escritores, colectivos culturais contra a desfeita que supuxo o Prestige. Coma voceira da Plataforma Nunca Máis leu esta proclama na que todos nos sentimos identificados, tamén Xermolos que colaborou contra a Burla Negra dende a nosa actividade social e cultural.

A exposición ´Botella ao mar´recolleu perto de 350 obras, a meirande parte sobre papel, de artistas de todo o Estado español. A mostra foi organizada pola Asociación Galega de Artistas Visuais (AGAV), en colaboración coa Unió de Asociacións de Artistas Visuais (UAVV) do resto do Estadoe a Plataforma contra a Burla Negra.

Botella ao mar, por Uxía Senlle

A que nos lanzamos coa íntima convición de que o inmenso mar saberá que este xesto é puro desexo de comunicación, é un S.O.S de xentes de todo tipo e condición que sentimos esta chamada do mar, a mirada inquietante e fatal dun mar ferido que solicita a nosa atención e o mimo que precisa como fonte de vida. Sabemos que debemos un desagravio ao mar.

Sempre en constante amenaza, o noso Atlántico vestiuse de loito hai casi seis meses, indefenso. As sereas amenceron cantando unha monótona e triste letanía. Os peixes fuxiron a outros mares, o alcatrán denso e viscoso matou o voo do cormorán, o ámbar das baleas, o arao.

Este outono devolveunos un horror que xa sentiramos moitas veces.

Desta volta chamouse Prestige, ¡ironías da vida!.

uxia_2Mareounos o cheiro a petróleo casi tanto como o cheiro noxento da indolencia e da soberbia dos nosos gobernantes. Man morreu de pena en Camelle, nas lonxas non había peixe, só graffitis de denuncia, as salvaxes praias da Costa da Morte sufriron o peor atentado da súa historia. A resposta de voluntarios e voluntarias de todo o mundo que sabían da gravidade da situación, que sentiron ese S.O.S mariño acudiron a rescatar as aves petroleadas, a limpar pacientemente coas súas mans as rochas que outrora criaron percebes, a area desta negra realidade. Esas imaxes en branco e negro percorreron o mundo e as nosas conciencias.

Pero no medio desta traxedia algo comenzaba a moverse contra esa burla Negra.

A gravidade da situación facía intuir a dimensión dun movemento que nacía respostando a unha emerxencia. Pero é certo que quizáis non auguramos a continuidade e a persistencia da xente que sentimos ese movemento, a resposta espontánea e vital que saiu dos nosos corazóns e que pintou telas para colgar dos balcóns, pegatas caseiras para os coches, pintadas nas lonxas , os debuxos dos nenos e nenas nas escolas e nas praias, a palabra vida semeada en Traba, as obras visuais ou audiovisuais que activamos, os poemas, as cancións.

Nunca se deu tanta creatividade concentrada na posta en escea dun novo país, un espléndido despliegue de inventiva e imaxinación sen precedentes reflexado neste traballo, amplo e representativo da obra que fixestes posible para salvarmonos da queima, para esconxurar o chapapote, para celebrarmonos como pobo cunha cultura diferenciada que tamén se traduciu nesta extensa e sentida mostra chea de contidos moi propios dunha Galicia ferida pero profundamente viva e activa.

Por iso xurde esta mostra producto dun tempo de crise que alentou esta sobredose de publicacións, frases espetadas nos muros, nos portos, nos barcos, nas páxinas en branco, de mans que pintaron lenzos, mans que modelaron esculturas e tamén limparon chapapote.

A día de hoxe seguimos esixindo responsabilidades dende unha conciencia cívica que foi crecendo en intención, criterio e compromiso e que ademáis foi o punto de partida para un novo modelo de sociedade, a que estabamos demandando intímamente. O barco segue a verter fuel e non hai intención clara de extraelo, as praias non están totalmente limpas, ás veces só aparentemente. Subxace o chapapote nos fondos mariños e queren abrir a pesca irresponsablemente. O noso deber é, polo tanto, manter a chama acesa, seguir defendendo a nosa casa, o mar, seguir actuando coas nosas armas, as palabras, as imaxes que sempre permanecerán nas nosas retinas.

Esta mostra é unha das primeiras e máis interesantes iniciativas do colectivo de artistas contra a burla negra, o legado que deixan para a posteride moitos artistas plásticos e poetas que coa súa contribución están tamén axudando para facer posible a devolución íntegra da dignidade que nos quixeron roubar. Esta mostra certifica a aportación solidaria e rebelde a un movemento que xa nos pertence para sempre, que nos levará a bo porto, a un porto de abrigo que nos resgardará de futuras catástrofes, que nos conducirá á rexeneración non só da costa senón tamén da democracia, da tamén ferida liberdade de expresión, para seguir esixindo a dimisión dos responsables, para reparar o dano e pedir respeto ao mar e a nós mesmos, que nos permitirá pasar á historia polo despertar dunha conciencia colectiva e pola exhuberante, apabullante e brillante reacción artística que provocou.

Podemos e debemos continuar para selar ese pacto co mar que nos fixo
Máis solidarios/as e mellores persoas. Contra a Burla Negra. ¡Nunca Máis!