EN PARDIÑAS DE GUITIRIZ (na memoria constante e cunha das esencias da Patria).

Por David Otero.

Velaí que a paso de días de verán, xa por este agosto, un ano máis nace unha marabillosa concorrencia de ilusións, unha especial converxencia de ánimos, polo fío conductor da idea do FESTIVAL DE PARDIÑAS en terras de Guitiriz. Unha verdadeira exemplariedade cívica.

E así asemade na riqueza dos actos a desenvolver e como arco de entrada cheo de desexos figura pois o Pregón do Festival que así nesa celebración se fai todos os anos e que neste lle corresponde impartilo a

DON AVELINO POUSA ANTELO.

Para falar de Don Avelino un tería que dispor de moitas páxinas e contar coas paciencias ben sobradas das lectoras e dos lectores. Por iso, como abofé non se dá así doadamente ningunha das dúas condicións anteditas, faremos simplemente unha pequena semblanza da figura de Don Avelino tal como a xeito de introducción ó moito que el significa en e para Galiza.

Don Avelino Pousa Antelo nace en Barcala da Baña ( perto de Negreira) o 14 de maio de 1914. Diremos que sería da mesma quinta có fillo de Castelao (se o fillo de Daniel non morrese de noviño). Don Avelino ten arestora noventa e un anos. El de neno e para sempre - na intimidade- correu polo chamo de " Lucho do Peto". Estudiou no Seminario de Compostela, pero o de crego non lle tirou e deixouno cando a proclamación da República en 1931. Daquela pasou a realizar estudios de mestre na Escola Normal de Compostela asemade xa a ser un activista dentro das Mocidades Galeguistas e a colaborar co Seminario de Estudos Galegos. Dende que escoitou a Castelao nun mitin de " Promoción Galeguista" no Teatro Principal de Santiago de Compostela a súa decisión foi clara e determinante.

- " Serei Galeguista de por vida" - decidiu ( e velaí que o está a cumprir tal cal hoxe como nazonalista galego).

Avelino Pousa AnteloLogo de participar na Campaña do Estatuto de Galiza do ano 36 vese na obriga de facer a guerra ( como vencido) no campo dos vencedores. Son anos de sufrimento para el, pois sente como propias as inxustizas, os exílios e as mortes ( asasinatos) de galegos exemplares , mártires de Galiza, como Bóveda, Anxel Casal, Camilo Diaz Valiño e tantos outros mártires da liberdade. Tamén así lle pasa outro tanto cos desterros de Castelao, Alvarez Gallego, Luis Seoane, Rafael Dieste, Osorio Tafall, Santamarina, Luís Tobío e moitos máis. Posteriormente ó ano 39 comparte o padecemento do silencio e da represión interior, o da " longa noite de pedra", con Paco del Riego, Isaac Díaz Pardo, Xaime Isla, Bieito Fernández, Paz Andrade, Borobó, Anxel Fole, Celestino Fernández de la Vega, Pimentel e tantos compañeiros da idea da liberdade, da democracia e da autonomía de Galiza.

Logo de aprobar as oposicións a Maxisterio e do seu casamento en Lugo con Nora, compañeira impagable e solidaria de Don Avelino, este inicia e desenvolve un dos proxectos máis importantes e innovadores da súa traxectoria vital e profesional como ensinante. O da Granxa -Escola de Barreiros ( en Sarria). Realidade inmediata do que debe ser a integración da Escola e o Medio. Proposta de ensino plenamente significativo e comprensivo. Viva aprendizaxe dende a ensinanza activa. Algo realmente impensable nas coordenadas de Institucións Educativas ríxidas, únicas, invariables, cínicas, daqueles tempos. Institucións nada dadas a seren innovadoras polo ir do entorno, polo ensino galego, e na vivencia da liberdade creadora como posibilitadora de aprendizaxes integrados no verdadeiramente educativo. Foi algo modélico e asemade, como fixeron outros ensinantes, propio dun currículo oculto ( democrático, galego e científico) disfrazado de oficialidade.

Logo desta experiencia de tanto valemento, quedando no seu lugar en Barreiros continuador do proxecto o profesor Valentín Arias, Don Avelino colle camiño de Tenerife, despois recalará en Zaragoza para rematar o seu facer pedagóxico en Pontecesures ( lugar onde hai ben pouco e xunto ó Colexio Público, el acaba de ser recoñecido poñéndolle o seu nome a unha rúa deste Concello á par doutra a Borobó).

Avelino Pousa mantense vivo, activo e esperanzado en Galiza. No Pobo do Galego. El é Membro do Pedrón de Ouro, da Fundación A. Bóveda, da W. Fernandez Florez, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Patrón do Museo do Pobo Galego, Medalla de Ouro da Universidade de Santiago, Premio San Martiño, Presidente de Honra da Editrial A FERVENZA da Estrada, pero do que se enorgullece e estima moito en especial é o ser Presidente da Fundación Castelao ( da que foi fundador en 1984 xunto con moitas personalidades, pero en especial xunto con Tereixa Castelao, irmá de Daniel, e con Don Ramón Martínez López, quen foi o primeiro Presidente da Fundación e con el Avelino exerceu de Secretario).

Velaí que o noso pregoeiro deste ano do FESTIVAL DE PARDIÑAS, Don Avelino Pousa, ten recibido merecidamente moitos recoñecementos e premios, pero goza en especial de un deles. O de ser " CHAIREGO DE HONRA" ( nomeado así pola Asociación XERMOLOS e pola FUNDACIÓN MANUEL MARÍA). Tamén diremos que aínda non hai moito recibiu tamén o nomeamento de "BO E XENEROSO" da AELG ( Asociación de Escritores en Lingua Galega) , a de PRESIDENTE DE HONRA DO PEDRÓN DE OURO, GALEGUISTA EXEMPLAR ( pola Fundación A SOLAINA de Piloño) e tamén no seu Concello de nacemento, a Baña, no Colexio Público, acaba de ser admirado e recoñecido coa colocación dunha pedra de honra onde se valora a súa persoa e asemade a súa traxectoria vital e exemplar ó servizo de Galiza.

Teño que dicir sen equivocarme un tanto así que Don Avelino Pousa séntese moi ilusionado de ser el este ano quen se encargue de dar o Pregón do Festival de Pardiñas. Sei que o fará moi feliz. E por iso, abusando da vosa atención lectora, como homenaxe a el e ós de Xermolos e ós da Fundación Manuel María, ós de Guitiriz e ós responsables do emblemático milagre que é o FESTIVAL DE PARDIÑAS, unha exemplariedade para namoro dos días do resto do ano, permitídeme estas palabras que seguen. Son en especial para Don Avelino e algunhas xa foron ditas no Muíño do Rañego cando Don Avelino foi nomeado CHAIREGO DEHONRA).

Velaí van:

"Amigas e amigos. Hoxe a nacer de agosto en arrecendo universal de plenitude da nosa matria orixinal e pura. Purificadora. A sabor de terra nutricia , na xenerosidade de maiterra, cheo de satisfacción e agradecido pola encomenda dos de Xermolos, dos da Fundación Manuel María e dos de Pardiñas, permítanmme que trate de facer presentes as miñas mellores palabras, as que humildemente posúo, para celebrar. E digo para celebrar pois iso évos recoñecer. Pois iso évos nomear en propio.

E así dirixír esas palabras sentidas a alguén que sobre todo - entre tanto- ten a capacidade de amar. Que así o fai con sinxeleza na esencia da tenrura cotía. Na esperanza dos seus días a vivir. En fusión coa terra. No seu pobo. E coa súa identidade aberta. Fresca e intachable. Para vivir Galiza. Na ética de ser e estar. Acariñándoa cos seus pensamentos e cos seus sentimentos. Esa Galiza que reborda no seu corazón. E á que leva na súa alma.

Estoulles a falar de Lucho do Peto. O neno barcalés de alma aldeá. Galeguista e Nazonalista confeso. Don Avelino Pousa Antelo. Un rapaz de noventa e un anos. Valedor transcendente de Galiza. Camiñante cara un século en arrolos moles de corazón auténtico. 

avelino_2Un home, galego bo e xenroso, exemplar sempre en suave tenrura. De encantadora sinxeleza. Con santa identidade galega. Nacional. Nada cosmética. Auténtica. A cada paso. A cada construcción. En sentimentos militantes da idea de pobo e de nación traballados pedra a pedra. Na casa. Cos seus proxectos de dignidade e cos seus deberes. Nas súas obras. Superándose a cada alborexar de sol patrio para mañá meter na boca un algo máis de pobo. Teimosamente. De substancia e de esencia. E sempre con achegos de lealdade á Terra. Un servidor de Galiza. Por causa de Galiza.

Esa Galiza que Don Avelino Pousa vive e reflexiona tal oración que pronuncia fervorosamente sen miramentos. Sen deixar de amala nunca. Colocando as palabras nos sentimentos.Bebendo das emocións que lle depara ese camiñar.Indo e agardando. Pero - como dicía A. Bóveda- andando sempre polos tempos de esperanza. E teimosamente.

Por iso hoxe o celebramos a el. A Don Avelino Pousa .Pois é un galego de luz. De luz azul e branca. Un orientador rebelde e inconformista. Con fe nas propostas emerxentes e con memoria posta no futuro para o presente. Sustentado por ánimos ardentes. Pero moi especialmente el é un servidor sempre en Galiza ......¡ o seu pobo!

E así este amigo noso, Don Avelino Pousa Antelo, no lugar de encontro de irmandade de Pardiñas de Guitiriz, el de solvencia tan galega e nesta revista tal oración, queremos que el sinta fondamente a través de nós que o respecto e mailo amor existen. Que o note ben. Que nós xa non temos dúbidas de que el así o merece e por iso a el o queremos cerca. Próximo. E non queremos deixalo en paz.

Non queremos deixalo en paz , poisDon Avelino ten moito que nos dar xa que os seus camiños de anos e de vangarda levan a algures. As súas palabras non enganan. Nin se conxugan en pretéritos olvidados. Por iso nós podemos disfrutar do que el constrúe.Do que el proxecta.E compartilo.

Por iso podemos facelo moi especialmente nas ilusións dos horizontes que intuímos. Comunalmente.Unitariamente.Neste pobo. O do galego. Por causa del. E subindo a el.

A Don Avelino non lle gusta chorar na paz do rendido. Do resignado. A punto morto. El prefire ir directamente ó corazón da bágoa que nos libere. Non se queda na tona. Nin é un nostálxico ( pois sabe que iso non da proxecto). E por iso gusta do popular, da emoción plural, para traballar a polas conciencias de progreso,fraternais, solidarias, en Galiza, aínda que el ben saiba que o desexado non vai sempre doado, pero o difícil tampouco é imposible e as mentiras non deben escurecer as aspiracións.

- Pode abrirse unha porta liberadora nos muros das lamentacións- afirma.

Pois si, dicimos nós. E o tempo de tal cousa tamén é agora.Este agora que tamén nos sabe a el. A Don Avelino Pousa."

FELIZ FESTIVAL. Paz e Terra.