Marcos Vigo Díaz

marcos_1O primeiro paso na preparación dun novo festival é crear o sinal, o icono, que identifique o que vai ser o acontecemento daquel ano dentro do espírito que dá alento a Pardiñas, encargamos a Marcos Vigo este reto, e acertou, porque o cartel que abre esta revista transmite a música, a ledicia, a necesidade de bailar…, nos nervios, no golpe, no xeito de tocar esta pandereta, asemella que o mesmo cartel está a comunicarnos toda a festa que abrolla nestes dous días. É a mellor chamada para convocarnos a facer festa.

Marcos Vigo Díaz de Pacios, entre Begonte e Baamonde, o autor que dá a coñecer este XXVI Festival, é un dos novos deseñadores gráficos deste país, non só pola súa idade, senón pola intensidade coa que está a vivir a súa arte e toda a problemática que xira arredor do deseño gráfico en Galiza, moi marxinado nas programacións de estudos, por iso está a celebrar a recén aprobación da Escola Superior de Deseño Gráfico en Lugo, na que vai seguir estudiando. 

marcos_2Forma parte dun grupo de compañeiros que se prepararon na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo: “Materia Gris”, para buscar novos horizontes nunha profesión que conta nas novas xeracións con xente moi válida pero á que non está a recoñecerse a súa capacidade artistica. Están a artellar unha revista para dar a coñecer estes novos valores e acadar máis espazos para o deseño gráfico, desenvolvendo iniciativas en serigrafía e outros soportes publicitario.

Traballou en gráfica publicitaria e como grafista maquetista, e xa no eido da creación é o autor de moitos carteis das festas desta comarca, así vén de ser agasallado co I Premio de Carteis da Festa dos Callos e da Cantería de Parga e co I Premio dun cartel da Once de Lugo. Tamén compuxo varios carteis artisticos publicitarios para establecementos públicos. Fixo exposición de fotografía na Sala de Arte da Escola e campañas publicitarias como unha recente para un Festival de Curtametraxes.