“Queremos deixar constancia para non ter que repetirnos, da súa irrenunciábel presencia en acontecementos de celebración anual: a romaría da Santa Isabel de Outeiro de Rei, cada primeiro domingo de xullo; o Día da Patria en Santiago, cada 25 de xullo; a Feira e Festa da Música e da Arte, que organiza desde 1980 en Pardiñas, Guitiriz, a A.C.Xermolos cada primeiro domingo de agosto; as Xornadas do Ensino Galego, que a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organiza desde 1977 en diversas ciudades; as Xornadas Pedagóxicas Galegas…; os Encontros Galeuzca de escritores vascos, cataláns e galegos…” (Camilo Gómez Torres, Manuel María: os traballos e os días, Ed. Laiovento, A Coruña, p.250).

manuel_1Neste ano o noso amigo, o escritor Manuel María vive o Festival doutro xeito, noutra dimensión… Sempre estivo na primeira liña, menos o ano pasado que xa estaba enfermo. Este poeta era xa unha parte fundamental e necesaria deste acontecemento, foi emocionante que nalgún artigo “in memoriam” publicado despois da súa morte, o pasado 8 de setembro, lembraba ó poeta facendo festa en Pardiñas, e moitas ducias dende aquela comunicaronnos que o coñecían por esta presenza e algúns que a derradeira vez que o “contemplaron”, como adoitaba dicir el, foi na penultima edición do festival. Chovese ou queimase o sol Manuel María e Saleta non fallaban a esta cita coa nosa cultura. O seu biógrafo Camilo Gómez Torres comenta esta circunstancia, como o Festival de Pardiñas era para Manuel María unha das súas celebracións ou peregrinaxes anuais. Xa é un sinal para sempre da nosa historia.

Ás veces tivo unha participación máis activa, dende o seu pregón, na quinta edición, ata a súa intervención na presentación do poema Saturno, o video de Ophiusa sobre Xosé María Díaz Castro, a exposición sobre Gabriel Aresti.

Pero o máis entrañable era o que sempre consideramos o momento álxido do Festival de Pardiñas: cando Manuel María e outras e outros escritores entregan os premios do Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil, con que tenrura e agarimo o noso poeta entregaba aqueles lotes de libros ás nenas e ós nenos e con que veneración os recibían.

Fun testemuña directa deste intre en todas as edicións e vin como moitas nenas e nenos clavaban a súa ollada, as veces cheas de bágoas de emoción en Manuel María que sempre agradecía aquela espontaneidade e sinceridade tocandoos e agarimandoos cos seus ollos cheos de luz e aquela voz rexa de bardo e petrucio maior de toda a familia de Pardiñas.

Os que participan no Festival de Pardiñas sinten a Manuel coma o seu guieiro e seguianos coa olladas e a sensibilidade a flor de pel, agora seguiremos sentindoo como a el lle gustaba nas raíces dos carballos de Pardiñas, no aire tinguido de poesía e amizade que nestes días respiramos en Pardiñas, nas herbas pequerrechiñas que acollen os nosos corpos e os nosos espíritos.

Houbo outros momentos puntuais nalgún festival que Manuel contribuiu a erguer a un nivel de plenitude, coma o 6 de agosto de 1989, o X Festival, foi unha homenaxe ó seu amigo Gabriel Aresti. Na Casa das Artes montamos unha exposición de fotografía sobre este poeta de Euskadi, a súa inauguración xunto con Manuel María e Saleta, estaban a viuva de Aresti, Meli Esteban, o amigo común Raul Rio, presidente da A.C. Rosalía de Castro, e os membros do grupo Oskorri que adicaran a Aresti o seu primeiro disco (1976) e que naquel día interviñan en Pardiñas. Dous grandes amigos que volven a atoparse, agora en Pardiñas, Aresti a través da palabra na voz e na música de Oskorri. Manuel escribira un fermoso artigo sobre o poeta euskaldúm: “Gabriel Aresti na Cultura Basca” na revista do festival. O mesmo día presentamos o poema Saturno de Manuel María traducido ó euskera e editado pola A.C. Rosalía de Castro de Barakaldo.

Na edición anterior (1988), Manuel asistía ó estreno do video sobre o poeta de Guitiriz: “X.M. Díaz Castro. Nimbos de poesía”, alí estaba o poeta protagonista do video, a súa dona, Manuel María e Saleta e varios poetas da Terra Chá.

O mesmo poeta escolleu a data do Festival de Pardiñas para imprimir unha obra que gardaba facía anos na súa alcoba máis intima e que publicaría Xermolos: Novena a Santa Isabel por un devoto de Outeiro de Rei. Un traballo que reflicte o humanismo máis fondo de Manuel María que el rematou deste xeito: “Acabou de se imprimir o día 6 de Agosto de 1995 na Festa da Transfiguración do Señor, cadrando co XVI Festival de Pardiñas.

Xermolos vai seguir intensificando esta presenza de Manuel María no corazón da Feira e Festa da Música e da Arte e neste ano imos:

  • manuel_2Escoitar a súa propia voz a través dunha interpretación do grupo Os Diplomaticos e que el gravara para o seu ultimo disco.
  • Xurxo Souto, amigo do Manuel, compañeiro no derradeiro treito da súa vida no Monte Alto de A Coruña transmitiranos toda a forza empresiva e o compromiso sen crebas do poeta lembrado.
  • No Festival e durante o mes de agosto na Casa das Palabras unha Exposición dos Libros deste autor e Exposición de Fotografía sobre “Manuel María e Pardiñas”, neste apartado queremos salientar a colaboraciòn de Xan Muras que achega unha reportaxe sobre o enterro do poeta, e Paulo Naseiro que reficte na súa colaboración toda a emociòn da lembranza do Manuel en Outeiro de Rei o 2 de abril.
  • No mes de agosto na Casa das Palabras imos ter unha Semana de video sobre a vida e creación de Manuel María: “MANUEL MARIA A TRAVES DA IMAXE”: onde poderemos visionar estes videos:

“Manuel María da Terra Chá” producido por Ophiusa, no que participan o mesmo Manuel, Saleta Goy, Camilo Gómez Torres, Dario Xohán Cabana, Paco Martín, Lois Diéguez, A Quenlla, Alfonso Blanco,etc. Foi realizado coma homenaxe nos 40 anos da publicación do Terra Cha e nos 65 anos do autor. O guión é de Xulio Xiz e a fotografía é de Carlos Rodriguez.

“Encontros na Terra Chá”, realizada no 1990, é unha celebración adicada a Manuel María no San Alberte de Parga, un dos espazos máis significativos para o poeta, nesta gravación podemos asistir a intervencións literarias e musicais arredor dunha merenda nesta carballeira a carón do Río Parga.

“Viaxe sentimental por Outeiro de Rei” é un percorrido por esta iniciativa convocada polas Asociacións Culturais de Lugo, entre elas Xermolos polos lugares máis entrañables na vida do poeta no seu berce de Outeiro de Rei: a Capela e o Campo de Santa Isabel, o rìo, a sùa Casa de Hortas… É unha producción da Televisiòn de Monforte realizada por Xavier Ramallal.

“Peregrinaxes”: son as viaxes que Manuel María fixo por moitos pobos do mundo e que reflicten o seu caràcter e a emociòn coa que se achegaba a estas outras culturas do planeta. Foi estreada no Auditorio de Vilalba o 2 de abril co patrocinio das asociaciòns culturais de Lugo.

“Manuel María” da directora Margarita Ledo Andiòn vai ser a gran pelicula sobre o noso poeta. Agora mesmo está a realizarse e agardamos poder visualizala neste ciclo.

Nunha das últimas visitas que fixen a Manuel María acolleume coma sempre na súa mesa camilla con esa acollida e elegancia que tiña, levaballe a Revista Xermolos do Festival do 2004, el foi pasando páxina a paxina, e acariciando cos seus ollos e mans os textos e as fotos, nalgunha delas rexistrabase tamén a súa presenza en festivais anteriores e co seu humor, aínda fixo algunha referencia ós seus anos e tarefas. Tamén lle levei o libro de Xoán Neira: Ás catro augas que demos a coñecer neste Pardiñas, e que levaba o seu prólogo, quizais un dos derradeiros textos publicados saidos da súa man. Un libro que reseñamos nesta revista como agasallo pros nenas e nenos do Certame Terra Chá que el presidía todos os anos. Por certo, Manuel e Saleta sempre xenerosos agasallabanme cada festival cun dos libros recén saidos, era outro xeito de celebrar o Festival de Pardiñas coma unha fervenza de cultura. Un xesto que me enchía de ledicia e frescor no medio de tantos sudores e traballos que sempre achega este acontecemento. Manuel e Saleta tamén neste momento foron pioneiros en descubrir o verdadeiro sentido deste Festival como unha singradura cultural que transforma as persoas.