25 anos festival
Chegar á XXV edición, o 7-8 de agosto, parece toda unha meta, un número pleno, pero para Xermolos, cada ano é unha nova singradura, imprevisible, poder acadar un novo horizonte de creación e de organización. Unha cousa temos clara: o Festival de Pardiñas é algo máxico para moita xente de Galicia e de fóra, así neste ano na fervenza de solicitudes de información temos que salientar a presencia dun grupo de universitarios de Zaragoza acompañados dun profesor que están a investigar este acontecemento musical, tamén a viaxe de ducias de persoas de Santa María do Camí de Mallorca acompañando á Factoría de Só, nun avión fletado para a ocasión, en Barcelona están a organizar unha excursión de amigos en grupo para participar nesta romaxe. Recibimos chamadas de amantes do folk de Alemaña, Francia, etc.

Pero os verdadeiros protagonistas son a nosa xente, eses devotos que están "ofrecidos", ano tras ano, a peregrinar a este santuario da natureza e da amizade que é o Balneario de Pardiñas. O primeiro agasallo deste encontro de miles de romeiras e romeiros é a natureza que nos acolle que vai creando unha solidariedade entre todos que ninguén pode crebar, unha harmonía que vai arrequentando a amizade e a cordialidade entre todos os que conviven en Pardiñas nestes días.

Familias enteiras que comparten mantel e festa. Este é un dos sinais do Festival, hai tempos e músicas para todas as idades e gustos porque é unha festa que entra polos sentidos. Pero o santo e seña é o seu alcume de FEIRA E FESTA DA MUSICA E DA ARTE: a música imbricada na creación coas formas da escultura, as cores da pintura, o tacto da cerámica, o recendo da gastronomía, e sobre todo a maxia da palabra, escrita, oral, a que está a tecerse hoxe nas nosas relacións sociais.

Así as nenas e os nenos teñen o seu momento cando suben ó palco para recibir os premios do XXV CERTAME TERRA CHA DE LITERATURA E DEBUXO INFANTIL de mans das e dos escritores que todos os anos enriquecen este xermolo cultural. Este ano a pregoeira deste fito cultural é Ánxeles Penas, poeta, pintora, escultora, crítica literaria e artistica que dará o tono de tan poderosa creatividade. Hai exposicións de debuxo infantil e os contos e poemas son publicados na Revista Xermolos. As nosas letras tamén teñen a súa festa e brincan entre elas creando poemas e cancións que enchen de festa esta comarca.

Pardiñas multiplicase en moitos espacios e tempos: a Mostra de Artesanía, as exposicións na Casa das Artes, os concertos na Igrexa, etc.

En Pardiñas alternan grupos con moita historia e outros que están a principiar, asi imos celebrar a volta de Susana Seivane que actuou por primeira vez en Pardiñas na Mostra de Artesanos de Instrumentos de Música Tradicional hai dez anos, un dos espacios máis garimosos do Festival, pero tamén a dos chairegos Veria de Cospeito. Esta Mostra de Instrumentos é o buque insignia do Festival xa que coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos xunta a artesanos, intérpretes, investigadores da música tradicional, vai pola once edición e tamén foi no seu momento unha iniciativa pioneira que non tiña antecedentes no país ... Dende o pregón desta mostra na palabra e na arte de Xosé V. Ferreirós de Milladoiro que actuaron en dúas edicións de Pardiñas e que tamén están a cumprir 25 anos de creación ata a interpretación de instrumentos propios de paises como Cataluña, Baleares, Euskadi, etc.Volven os festeiros de Quempallou que contrastarán con Gwenlann da Bretaña, poderemos disfrutar da Factoría do Só de Mallorca coa música de mestizaxe que é Nomada que interpretan pezas de Rusia, Cuba e Galiza A música de Skalariak de Navarra na fronteira entre o folk e o rock coa música de Macfeck de Escocia. As carballeiras de Pardiñas xa coñecen os ritmos de todos estes países pero seguen apostando por brindar espacios á música en directo tan castigada nestes tempos.

Pardiñas subsistiu ata agora gracias á creatividade do pobo e así é o festival folk con máis edicións en Galicia, outros naceron algo antes e sufriron paróns, suxetos como están á chuvia de subvencións, a Asociación Xermolos tira adiante a costa da imaxinación e do traballo do pobo, saben que dependen de sí mesmos, como adoitan facer na actividade que manteñen durante todo o ano.

A organización deste evento quere conservar o ambiente das festas tradicionais, por iso dende o comezo promociona as merendas ó son da gaita e do pandeiro. O grupo de gaitas de Xermolos fai abrollar a ledicia nos centos de familias que acougan nestes días no balneario. Sen esquecer a gastronomía: o polbo, as empanadas, a carne ó caldeiro, as tortas de maiz, o queixo de San Simón...

Tradición e modernidade emerxen neste universo de todas as artes que chegou ata aquí gracias á imaxinación, xenerosidade e esforzo de ducias de mozos e mozas que se foron sucedendo tirando das riendas do que xa é un dos festivais con máis raíces de todo o país.