exposicions_maribelI. Exposición de Pintura de Maribel Vázquez Rodríguez.

Unha das Exposicións das que imos a disfrutar na CASA DAS ARTES de Pardiñas é a monográfica de Maribel Vázquez Rodríguez, natural de Monforte e veciña da Coruña, que nos ofrece algunha composición de óleos, técnica que domina poderosamente, sobre todo na elección de cores que transmiten a vida máis intensa: as froitas, o mar máis rizado, as flores... Participou en varias exposicións organizadas polos concellos de Oleiros, Culleredo... Agora mesmo está a preparar outra no Botánico do Burgo de A Coruña. Manexa con mestría non só o oleo, tamén o pastel, plumilla, acuarela..., mesmo preparando bastións para os seus lenzos.

 

exposicions_manoloII. Exposición de Fotografía de Manolo Espiñeira.

As revistas de Xermolos, o Festival de Pardiñas sempre disfrutaron da arte de Manolo Espiñeira non só coas súas fotografías, senón tamén coa organización de moitas Semanas de Video, dentro do Agosto Cultural que é unha prolongación do Festival con moitas actividades.

É un dos valedores do Festival en Guitiriz e fora, por iso os seus logros como cámara e guieiro de moitas rodaxes que todos estamos vivindo intensamente, son compartidos por todos os seus veciños.
Manolo desenvolve un intenso traballo no mundo audiovisual do noso país, participando nas series máis importantes de medios como a televisión galega, así colaborou coma rexidor ou axudante de dirección en "Platos combinados", "As leis de Celavella", "Mareas vivas"... En Antena 3 colaborou en "Nada es para siempre" e tamén na filmación dalgunha das peliculas do Pepe Carvallo de Vázquez Montalbán...

Sen dúbida foi en "Terras de Miranda" onde os seus labores de dirección chegaron máis á nosa comarca de Guitiriz pola rodaxe de moitas secuencias por estas terras, facendo de director de varios capítulos.
Agora mesmo está traballando en "Miña sopa máis eu" que axiña poderemos disfrutar na TVG.

Nesta edición de Pardiñas compartimos a súa sensibilidade artistica a través desta outra cámara, cunhas 15 fotografías que reflicten as súas viaxes (Turquía, Inglaterra...), experiencia persoal, apostas artisticas... 

 

III. Exposicións de Debuxo Infantil.

Sempre montamos con moito agarimo as exposicións de DEBUXO INFANTIL, un dos moitos espacios nos que se multiplica este Festival, nos que nestes 25 anos participaron miles de nenas e nenos de moitos colexios de Galicia dentro do CERTAME TERRA CHA DE LITERATURA E DEBUXO INFANTIL, que teñen como complemento os CADERNOS DE LITERATURA DOS NENOS que se publican na Revista Xermolos todos os Festivais. Así nesta edición imos apreciar esta colaboración dos máis pequenos en exposicións monográficas como:

. AS NOSAS FESTAS do Colexio de Foz, nº 1.
. A ECOLOXíA do Colexio Mato Vizoso de Vilalba.
. O CÓMIC do Colexio de San Estevo de Parga.

 

exposicions_marimarIV. Exposición de Pintura de María do Mar Freire Novo.

Naceu en Guitiriz e colabora co Festival de Pardiñas dende sempre e noutras actividades de Xermolos, cunha especial sensibilidade para as artes xa moi nova gañou varios premios de debuxo no Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil deste Festival.

Esta creadora mesmo inxeniou unha técnica artistica nova, pois ademáis dos lenzos, utiliza esponxas facendo formas tipo mosaico, pintadas con óleo... Obxectos que podemos descubrir dende distintos enfoques, as obras de María del Mar son un prodixio de síntese poderosa entre cores e formas. Estamos ante unha mostra de pintura pop.

 

exposicions_xose_marraV. "Intimidades" de Xosé Marra.

Neste ano un dos creadores máis orixinais de Galicia no mundo da fotografía achéganos unha serie que el coñece como "Intimidades". Os seus traballos adoitan ser unha testemuña de todas as facianas da vida da persoa e da sociedade. Natural de Sarria participou en varios libros de fotoxornalismo. Fixo exposicións por toda Galicia e puidemos descubrir as súas instantáneas en todos os xornais galegos, agora mesmo en A Nosa Terra.